imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Carta ao Concello de Redondela

D. Javier Bas Corugeira

Alcalde do Concello de Redondela

Prezado señor:

Na plataforma ProLingua somos conscientes do labor que no concello que vostede preside se leva a cabo a prol da normalización lingüística. Esta vontade de normalización superou os límites da vila de Redondela e actuou como guieiro para outros concellos que se inspiraron no traballo por vostedes iniciado e permitíronlles seguir camiños claramente sinalados.

Son moitas as iniciativas normalizadoras que naceron en Redondela e non é este o lugar idóneo para enumeralas exhaustivamente. Cómpre salientar, con todo, o Premio Blanco Amor de novela longa ou a Ordenanza reguladora do uso do galego no Concello de Redondela, de 1998, verdadeira declaración de principios na que se regula a utilización da lingua galega nas actuacións administrativas internas e nas relacións cos cidadáns e coas entidades públicas e privadas.

Ao rego disto último, lamentamos profundamente a presenza de varios anuncios do Centro Deportivo Serviocio que claramente incumpren o disposto na Ordenanza normalizadora do propio Concello. E igualmente sentimos as reiteradas transgresións da norma na sinalización dos edificios municipais e na rotulación viaria de competencia municipal. É por isto que dende ProLingua lle rogamos que canto antes se corrixa o incumprimento explicado máis arriba, á vez que arelamos que o Concello de Redondela siga a traballar arreo pola normalización e dignificación da nosa lingua.


Reciba un cordial saúdo

ProLingua, 3 de abril de 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior