MANIFESTO

INTRODUCIÓN

A Lingua Galega é o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego. É o que nos identifica coma o que somos, galegas e galegos, e o que nos dá un lugar propio no mundo.

ANTECEDENTES

Os galegos sentímonos orgullosos de ter unha lingua milenaria cun glorioso pasado que, por circunstancias políticas, entrou nun túnel de silencio forzoso nas primeiras décadas do século XVI ata se converter en instrumento de marxinación e sufrimento moral e físico de moitas xeracións. O ininterrompido uso oral que dela fixo a xente humilde e o traballo das elites intelectuais que a partir do século XIX souberon rehabilitala, fixeron posible salvar o que é o principal elemento de identidade dos galegos e a base esencial da nosa cultura.
O traballo de todas esas persoas propiciou que hoxe Galicia sexa unha nacionalidade histórica e que conte con autonomía política, e os diferentes gobernos autonómicos foron poñendo os alicerces para a recuperación social da lingua galega, particularmente nos eidos do ensino, da administración e dos medios de comunicación públicos.

PRESENTACIÓN

ProLingua é unha plataforma creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación.
En función disto, declaramos como obxectivos irrenunciables de ProLingua a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron, en ambos casos, coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia.
Estamos nun Estado de dereito e como cidadás e cidadáns esiximos que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística.
Asemade esiximos que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega.

FUNCIONAMENTO

-Establécese como único requisito ás persoas que desexen pertencer a esta plataforma, a intención de se comprometeren na defensa da lingua galega e na promoción do seu uso en todos os ámbitos, tanto públicos coma privados.

-Dado que a lingua galega é patrimonio do pobo galego, rexeitamos calquera pretensión de apropiarse dela ou de atribuírlla a calquera grupo ou ideoloxía particulares. Por iso ProLingua se declara unha plataforma apartidaria e plural.

-Os membros de ProLingua sono a título persoal e non portan representatividade ningunha de grupos ou asociacións na súa pertenza a esta plataforma.

-ProLingua promoverá accións de todo tipo encamiñadas á consecución dos seus obxectivos, mais nunca se sumará como ProLingua a ningunha acción allea, á que terán plena liberdade de agregarse as persoas que a integran de forma individual.

-Cando nunha acción figure o logo de ProLingua nunca poderá figurar ningún outro, sexa do tipo ou motivación que sexa.

-A representatividade de ProLingua recae na totalidade dos seus membros en plena igualdade e non terá máis camiño de interlocución cos poderes públicos có cumprimento íntegro dos seus obxectivos.