USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

No pasamento do amigo Xuan Bello

xuan bello
Por Xosé-Henrique Costas González
 
 
Na tarde do martes 29, a investigadora mañega Tamara Flores comunicoume
arrepiada a tristísima nova da morte do amigo Xuan Bello, excelso escritor e
reflexivo activista cultural asturiano, defensor coma ninguén das linguas
autóctonas de Asturias: galego e asturiano. Quedei abouxado e boureado, frío
coma un carambelo a piques de escachar e caer ao chan desde o beiril dun
lousado.
 
Semellábame imposible. Pero se aínda había un mes escaso estiveramos de
viños por Uviéu adiante, falándomos durante horas de literatura, de política, dos
amigos, das nosas linguas e da solidariedade. Unírasenos Xosé Luís Regueira
nunha cea chea de conversas, risas e soños, e máis tarde, xa na alta noite
carbayona, aínda se nos ameceran dous poetas aragoneses, ata acabarmos
todos nun bochinche entrañable da Praza do Paraguas. Ao outro día, como lle
prometera, deixeille no HOTeLOVetense unha bolsa con libros galegos e
mirandeses que el me pedira, e máis unha camiseta prolingüeira do "Busco
amante galegofalante" que me prometera poñer, todo retranqueiro. E agora quen
buscará amante galegofalante nas vetustas rúas de Uviéu, Xuanín?
 
El príncipe de les Lletres Asturianes
 
Procuro na prensa dixital noticias sobre o seu pasamento, quizabes para me
convencer de que non é un pesadelo. Agora todo o mundo o louva, todo son
coroas floridas de palabras, mesmo de xente que o rexeitou duramente porque
Xuan sempre defendeu que Asturias tiña dúas linguas: o galego (chamado así:
galego, nin fala, nin gallegoasturiano nin moito menos eonaviego) e o asturiano
(non bable), si, falaban ben del mesmo aqueles que maldicían que un home da
altura moral, humana e intelectual, "El príncipe de les Lletres Asturianes",
puidese estar traidoramente cos "galleguistas". Porque Xuan amaba fondamente
a súa terra e defendía con vehemencia e corazón "la llingua de les brañes y de
les vaques" fronte a glotocidas e mornoprogres, pero coa mesma convicción
defendía o galego, lingua que el falaba porque a súa familia paterna era de
Borrés (no Bierzo galegófono), e de aí o apelido galego: Bello (ou Vello).
 
Do Xuan poeta e narrador falará estes días moita xente e moito ben, e do Xuan
xornalista tamén (os seus artigos eran ourivaría literaria comprometida á altura
estilística e temática dos de Cunqueiro e moi no seu ronsel), pero deixádeme
chorar o amigo, o activista de esquerda ecuménica e construtiva, o tradutor de
Cunqueiro, Ferrín e Códax ao asturiano, o internacionalista asturiano irmán de
Galicia e do galego, o amigo ponte. Coa morte de Xuan –e dígoo con toda
mágoa e sinceridade– sinto que se derrubou a derradeira ponte de
entendemento cordial e sincera entre galeguismo e asturianismo lingüísticos. Se
un día se retomase, sería boa cousa que a Ponte dos Santos, a que une as dúas
ribeiras do Eo entre Castropol e Ribadeo, se chamase "Ponte de Xuan Bello",
porque el era a ponte.
 
Estará entre nós nos seus deliciosos poemas
 
Morreunos Xuanín, pero estará entre nós nos seus deliciosos e excelsos
poemas; nos seus líricos artigos en prensa (que alguén debería compilar); na
lembranza das súas chamadas telefónicas; dos seus correos electrónicos; nos
libros dedicados; nas lecturas recomendadas; nos recordos das noites de alcol,
tabaco e longas conversas en Ribadeo, Ovedo, Compostela ou noutras vilas
arranxando os mundos, curándonos feridas e tecendo pontes cara ao futuro. Ou
mesmo rindo cada vez que lembre o conto que sempre me botaba con tanto
xeito de Cunqueiro tratando de establecer por onde dan a luz as sereas da
catedral de Ovedo.
 
Como derradeira homenaxe a un home bo, a un camarada, a un escritor de
verba portentosa –que sería famosísimo no mundo enteiro se chegase a escribir
nunha lingua das chamadas "internacionais", pero que escribiu en asturiano (e
en galego) por militancia sincera e emocional–, eu recomendaríalles a (re)lectura
da marabillosa Historia universal de Paniceiros, (a súa aldea), unha novela
excepcional á altura do mellor Cunqueiro ou do máis excelso García Márquez.
Léana se poden no seu asturiano orixinal, ou tamén na preciosa tradución ao
galego que lle fixera Esperanza Mariño en Edicións Positivas.
 
En certa ocasión dixera que o que importa non son as cousas en si mesmas,
senón a imaxe que deixan nos nosos recordos. E como non te iremos lembrar,
querido amigo?
 
Xuanín, como diría o noso querido Cunqueiro: "cando lle chegou a hora/
soñando estaba/ un país no que chovían bolboretas/ pra que se fixese a luz./ E a
luz foi feita". Deixaches acesa unha luz para tornar as tebras de moitas
existencias, e iso sempre cho agradeceremos.
xuan bello

xuan bello

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior