USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Asaka e a difusión da cultura galega: Samos en xaponés (1)

asaka cuberta tradución de samos 1

Por Francisco Fernández Rei, membro de ProLingua

 

1. Achado dunha lingua e dunha cultura

Takekazu Asaka naceu e criouse nunha familia labrega da zona rural do norte de Toquio, separada da zona urbana polo río Arakawa ata que na década de 1960 se construíu unha ponte.  Licenciouse no 1975 en Economía Internacional na Universidade de Yokohama, pero o seu debían ser as linguas ibéricas estatais, pois en novembro dese ano veu estudar castelán a Madrid e, no curso seguinte, de regreso en Toquio, diplomouse en portugués.

 

No 1977 volveu a España para realizar un curso de Lingüística Hispánica para estranxeiros na Complutense de Madrid, e nesta cidade acabará descubrindo a existencia da lingua galega. De volta no seu país, doutorouse no 1985 na Universidade de Osaka cunha tese sobre o infinitivo persoal en galego moderno.

 

Ata a súa xubilación en marzo do 2022, durante 35 anos foi profesor de Gramática Española na Universidade Tsudajuku de Toquio, á vez que impartiu cursos intensivos de lingua galega en universidades xaponesas a alumnado de español e de portugués interesado nas linguas minorizadas e, no Conservatorio de Música de Toquio, a quen quería vir estudar música a Galicia.

 

Viviu de ensinar castelán como segunda lingua estranxeira, pero a súa paixón foi e segue a ser a lingua e a cultura galegas. Declarou nalgunha entrevista que sente Galicia como a súa segunda casa e que ten morriña cando está no Xapón. Veu a Galicia por primeira vez en setembro do 1989 para asistir ó congreso de romanística e volveu case todos os veráns.

 

2. Traducións de Cabanillas e doutros autores

No 1993 publicou en xaponés catro dos seis poemas en galego de Federico García Lorca e Gramática do galego moderno para xaponeses, e posteriormente unha Guía de conversación e un Vocabulario básico, ademais de artigos sobre a situación do galego e a interferencia léxica do castelán. No presente milenio, empezou a traducir á súa lingua a poesía de Rosalía e de Cabanillas e, anos despois, a de Novoneyra, Martín Codax e outros poetas antigos e modernos.  

 

O amor pola nosa música tradicional e polo min'yō, tipo de canción tradicional xaponesa que de neno escoitaba cantar a seu pai na Festa da colleita do arroz que se celebraba no equinoccio de outono, acompañándose da frauta de bambú, debeu motivar a súa decisión de crear o Ciclo de música e poesía galega no Xapón. En Kawasaki, cerca de Toquio, o 18 de abril do 2009 tivo lugar o primeiro acto poético-musical. Acababa de editar os Cantares gallegos en xaponés, polo que ese ano Rosalía de Castro foi o tema central. En anos posteriores seríao Cabanillas e outros poetas modernos, así como a lírica medieval.

 

No 2013 publicou o audio-libro Cantata a Ramón Cabanillas. Galicia, canción da alma, coa cuberta do deseñador xaponés Sigueru Usui que representaba algo moi simbólico: un prato de Sargadelos e flores de toxo. Nese libro trataba a vida e a obra do poeta cambadés e editaba en galego e xaponés dezaoito composicións, xunto cun cedé con oito poemas interpretados pola soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa.  

 

Despois de traducir á súa lingua a obra do trobador Martín Codax, unha escolma d’Os Eidos de Novoneyra e outra de Follas novas de Rosalía, no 2019 editou a versión xaponesa d’A rosa de cen follas. Breviario dun amor, de Cabanillas, que lle dedicou á súa muller Mari Yuko Tezuka, falecida o ano anterior. Días despois de presentar ese cancioneiriño amoroso, nunha biblioteca particular do concello de Ames atopou un exemplar que tiña a que o propio Cabanillas denominou “rima derradeira”, a XXXV. No 2020 fixo unha nova edición engadindo un artigo que publicara n'A Trabe de Ouro, onde explicaba o achado e estaba incluída esa "rima" inédita.

 

No 2021 aparecen en xaponés As romaxes da Franqueira, excelente crónica, en fermosa prosa poética, das dúas romaxes ás que no 1927 Cabanillas acudiu desde as terras de Mondariz: a das Pascuillas, o luns despois de domingo de Pentecoste, que se celebra o mesmo día da romaría do Rocío de Almonte (Huelva), e a de verán do 8 de setembro. E no 2025 agasallounos coas dúas obras que hoxe se presentan: a edición galego-xaponesa de Samos, de Ramón Cabanillas, con limiar da miña autoría; e Obra escolleita, de Álvaro Cunqueiro, con limiar de Armando Requeixo.

 

3. Cabanillas en Samos

Logo dun camiño longo e triste, iniciado no verán do 1937 cando Cabanillas chegou a Cambados desde a Valencia republicana, en agosto do 1948 encontrou entre os monxes de Samos a paz e o silencio que moito arelaba. Pola correspondencia desde o mosteiro con Isidoro Millán González-Pardo, editada por Luís Cochón no 2011, vese que estaba encantado no cenobio beneditino, á vez que se pode seguir o proceso de elaboración do poemario Samos e o ensaio da “copla” que editaría na Antífona da cantiga (1951), o primeiro libro de Galaxia.

 

Coñecemos o día a día de Cabanillas en Samos por unha carta á súa filla María Luísa e outra ó seu amigo cambadés o avogado José González Fraga, publicadas por Luís Rei no 2009; e tamén por dúas cartas da década de 1970 ó poeta Fiz Vergara Vilariño de dúas persoas que coñeceran o poeta en Samos (o monxe Martín Díaz e o veciño da vila Benito Mourelo Gómez), editadas por Yayo Rodríguez Yáñez no 2012.

 

Cabanillas ideou e escribiu Samos nos veráns que estivo na abadía, de 1948 a 1951. Marchou días antes do incendio do 24 de setembro que arrasou o mosteiro. Pola correspondencia con Isidoro Millán sabemos que o abade Mauro Gómez Pereira quería facer unha edición de luxo do poemario, que acabou editándose en Galaxia en novembro do 1958, xusto un ano antes da morte do poeta, con censura dun verso en que había unha dedicación explícita ó abade, moi amigo de Franco.

 

4. Recepción do poemario Samos

Un ano despois de publicarse o poemario, Santiago Montero Díaz, que coñecía, trataba e respectaba a Cabanillas, captou en Samos a relixiosidade íntima do poeta e preguntábase como xurdira este libro “tejido extraño e inimitable de piedad cristiana, amor a Galicia, vivencia de la naturaleza y maestría poética”.

 

Eduardo Blanco Amor manifestaba no 1976 que o octoxenario Cabanillas acadaba en Samos o cumio extremo do seu saber poético, obra extraordinaria que comparaba cos grandes oratorios da vellez de Bach ou de Händel e cos derradeiros cuartetos de Beethoven. Ademais, consideraba  que o poemario superaba a lírica de Pondal e de Curros, e que Cabanillas era un dos grandes poetas universais das linguas románicas.

 

Xosé Manuel Millán Otero dicía no 1988 que Samos era a maior xoia descritiva da poesía galega. Salientaba que o poeta procuraba “unha aproximación mística á realidade, mais cun misticismo que non debemos interpretar no sentido estritamente relixioso, senón como quietismo contemplativo, a pasividade absoluta e receptiva”. Aínda que son numerosas as invocacións á divindade, na súa opinión non é un poema relixioso. Anos despois, no 2001, Xavier Carro discreparía da tese de Millán da non relixiosidade por considerar que non tivo en conta os fundamentos teolóxicos que alicerzan a obra.

 

Carlos L. Bernárdez, na edición da obra para Xerais (2009), consideraba que, en certo modo, é un libro epigonal por situarse no final da obra e da vida do autor e por ser debedor en moitos aspectos do estilo pleno do Cabanillas configurado na etapa de antes  da Guerra Civil, con Na noite estrelecida como obra máis lograda.

 

Por outra parte, Xosé Luís Méndez Ferrín manifestaba no 2000 que Samos era o “testamento literario” de Cabanillas, á vez que indicaba que “ese é o modelo que el nos propón de lingua culta: sen concesións ó castelanismo nin, é obvio, ó portuguesismo”.

 

5. A tradución xaponesa de Samos

Asaka coñeceu no 2015 o mosteiro beneditino de Samos e quedou marabillado pola grandiosidade do edificio nunha viliña con tan pouca poboación e pola fermosura da igrexa e dos claustros: o grande, onde está a impresionante estatua do Padre Feijoo, que Francisco Asorey tallou en granito branco e negro, e o pequeno e acolledor claustro da fonte das Nereidas.

 

Na escolma bilingüe de 18 poemas de Cantata a Ramón Cabanillas, do 2013, traducira un único texto de Samos, o soneto “Silenzo”. Unha década despois decidiu mergullarse nesa obra, pois en novembro do 2023 contoume que estaba a traballar na versión xaponesa do derradeiro poemario de Cabanillas, moito máis longo e complexo lingüisticamente que A rosa de cen follas ou As romaxes da Franqueira. Manexou todas as edicións existentes da obra, pero a versión que escolleu foi a de Galaxia do 1958 e reproduciu as fermosas ilustracións de Agustín Portela.

 

A tradución de Asaka contén, ademais, un glosario galego-xaponés das voces do poemario, a bibliografía manexada e unha coda onde explica como descubriu a poesía de Cabanillas e o que fixo por difundila no Xapón: traducións, edicións musicais dalgúns poemas e concertos a cargo de artistas nipoas. No final da coda, manifesta que a versión de Samos lle levou dous anos e que a realizou cun esforzo grande “por ter que me enfrontar a unha lingua tan poética e tan elaborada; ademais, como o poeta trata a historia de cristianismo e a mitoloxía grega, ás veces era difícil entender as composicións de Samos para un xaponés budista e xintoísta. Vai ser a miña derradeira tradución da obra de Cabanillas”.

 

Hai dezaseis anos (abril do 2009), na cidade de Kawasaki, cerca de Toquio, impartiu a conferencia sobre o Rexurdimento e Rosalía á que xa me referín; e como ese ano se estaba a celebrar en Cambados o 2009 Ano Cabanillas, para contribuír á celebración que tiña lugar no Salnés, impartiu a conferencia “O viño galego: o albariño e o ribeiro” e traduciu á súa lingua “Camiño longo”, poema da primeira edición de Vento mareiro de Cabanillas. Ese mesmo día a soprano Miho Haga cantou en galego esa composición, acompañada por Rika Nishikawa, que a interpretou ó piano coa música de Antón García Abril.

 

Para min foi un parecer inmenso ter seguido a singradura dos sete libros de Asaka sobre a obra de Cabanillas, para os que tiven a honrar de redactar cadanseu limiar;  e tamén ir seguindo a organización de varios concertos de música galega en Toquio e en cidades próximas, onde o cambadés máis ilustre tivo presenza relevante. En Cambados puidemos gozar de tres deses concertos a cargo de artistas nipoas, e dun cuarto concerto hai xusto un ano como ramo do plenario de entrada de Asaka na Real Academia Galega como membro de honra, celebrado no Auditorio Municipal da Vila do Albariño.

 

Beizón, Takiño, como queres que che chame a xente amiga, por levares máis da metade da túa vida dando a coñecer Galicia, a súa lingua e a súa cultura no Xapón e por usares sempre de xeito natural o galego cando estás entre nós. Desde hai moito tempo contas co agarimo de tanta xente que soña e traballa por unha Galicia liberada, coa lingua e cultura galegas plenamente normalizadas.

 

 

(1) Texto lido na presentación das traducións galego-xaponesas de Samos, de Ramón Cabanillas, e Obra escolleita, de Álvaro Cunqueiro, publicadas en Edicións Güinga Xobou, Xapón, 2025. O acto celebrouse no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela o 17 de xuño do 2025. Tamén interviñeron Armando Requeixo Cuba, secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía da USC; Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; e o tradutor das obras Takekazu Asaka.

asaka cuberta tradución de samos 1

asaka cuberta tradución de samos 1

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior