USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Velada poética. A nosa casa da lingua

Velada poética. A nosa casa da lingua

                Manuel González Prieto

 

Pra haber bon pan, ten que haber boa sementeira

Onde o rapaz sachou, nunca millo faltou

Quen pranta e cría, ve alegría

Si queres ter que comer, tes que sementar e coller

Si ques ter bon viño, inxerta de boa cepa

Xunto á auga pon carballeiras e verás que logo medran

Unha palla non fai palleiro, pero axuda o compañeiro.

O saber popular

 

Diante da situación pola que está a atravesar a lingua galega, as veciñas convocan a unha cea a aqueles que tanto esforzo fixeron en cultivala e coidala, para facer un chamamento á organización para a súa defensa cunha velada poética.

Unha xuntanza amiga de persoas que gustan da escrita, da boa oratoria e da lingua. Destas horas todos agradecen un bocado acompañado de cadanseu neto de bo viño, indispensable en persoas que teñen as súas navallas tan ben afiadas. A cea está preparada e os comensais sentados na mesa.

Sen querer ser fachendoso por expresarse primeiro, vai ser Fole quen, con espírito rexoubeiro, abrirá a conversa facendo canción da lenda para causar sensación :

 

Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan as persoas. E isto non é certo. O segredario de Caldas foi comido por iles cando voltaba da feira de Viana. Algús que o mataran por arroubalo e que despois o comeran os lobos; mais a douscentos metros de ondia o comeran foi atopado un lobo morto coa gorxa afuraiada  por unha bala.

Ánxel Fole

 

Barriga farta, tambor e gaita, pensa o Pedro Xosé, non amigo de moita leria. Por non ser menos levanta a man, interrompendo o seu colega lugués. E como xa está animado o cotarro, alegra o ambiente coas súas coplas grolo a grolo, suxeitando na man esquerda o xerro de viño bo. O frade perde a compostura e manifesta con ton elevado:

 

Prefiro ser vaga mundos e botar coplas ao mundo.

Refraneiro popular

E continúa coa súa copla:

Frangullas de pan,

migallas de queixo,

castañas mamotas

ou froita do tempo.

Frei Martín Sarmiento

 

O resto dos comensais non dubidan en se sumar á festa da palabra, pasando a testemuña á provincia da Coruña. O Añón embeleca Rosalía, presumido do seu repertorio:

 

O través d'aguzados penedos
penso ver empinados petoutos,
viñas, hortas, devesas e soutos,
q'apouvigan os ventos d'o Sul.

Francisco Añón

 

Rosalía, alma do grupo, recita agarimosa:

 

Hay antr'a sombr'a amante d'as nosas carballeiras,
e d'as curtiñas frescas, no vívid'esprendor,
e n'o romor d'as fontes, espritos cariñosos
que só ôs qu'aquí naceron, lles dan falas d'amor.

Rosalía de Castro

 

É quenda do Fernández y Morales, máis preocupado de dar conta do cocido que de afiar a súa lingua para achegar algún verso. Recita unha peripecia da rapazada berciana,dedicada toda ela a apañar, tanto castañas e crouchos coma algunha labazada.

(...)

Pingaban negras castañas

que apañaban nos seus megos

os lacazais rapaciños

sin o permiso do dueño.

Fernández y Morales

 

Con esta “Antífona da Cántiga” decide pechar a sesión o Cabanillas, cambadés, o gran poeta da raza.

 

Cumplida será a mollada das que nas longas noites de inverno, a carón da lareira, debullando mazarocas, namentres a trandeira vai en vén e as lingoatadas do lume lamben potes e cazolas, tomaron pulo na folgada cociña campesía, estrado de honra, escola de sabencia aldeán e sala de consello, na que se consideran e remoen de vagar acordos e trasacordos encol dos máis outos puntos da vida cotián, seituras, mallas, decotas e parreas, e na que fan o gasto e recollen o máis vivo intrés do rueiro, témeras estorias de feitíos fazañosos, lendas de miragros, ensalmos e desconxuros c-o seu cortexo de campaíñas e fachos da Santa Compaña, encontros co-a Estadea e falcatruadas do Trasmo e do demo Maniguiño.

Ramón Cabanillas

 

Algún dos comensais non é quen de atopar o camiño de volta? Sen problema, o Uxío marca o rumbo.

 

Das Ferrerías á Veiga i Ambasmestas.
Volver por Vilafranca á empinada
por Corullón e Oencia/por Vilarrubín
a Ferramulín/pasados Vilarrubín
Ferramulín Horreos pechado/
hastra a Boca do Couto i a Parada.

Uxío Novoneyra

 

Parten cara ao seu lugar, mais María non dá creto, parapeto do seu soño é á espera do retorno.

 

Hoxe do souto de ouro,

onte do meu recordo!

María Mariño

 

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior