USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

UNHA EMPRESA NON GALEGA CO GALEGO

botella de 0 750 l de oliflix coa etiqueta en galego e éuscaro

Por Xosé María Lema Suárez

 

Ó fío de que hai uns días estivese de triste actualidade unha empresa conserveira galega por excluír a lingua do país dun concurso titulado “Relatos del mar”, anímome a sacar a luz o caso doutra non galega -á que non teño reparo en facerlle propaganda-, que, atendendo á petición dun cliente galego, non só incorporou a nosa lingua á súa páxina web, senón que acometeu unha campaña no noso idioma para a súa clientela de Galicia.

 

Trátase de Oliflix, empresa catalano-aragonesa de aceite de oliva virxe ecolóxico que conta con muíños artesáns en Flix (Tarragona), de aí o nome, e  en Mequinenza (Zaragoza).

 

O cliente en cuestión é Fernando Vázquez, de Calo (Teo), quen, vendo que a empresa tiña no seu sitio web enlaces para consultar os seus produtos en castelán, catalán, francés, inglés e alemán, tivo a iniciativa de escribirlle ó seu propietario, Antonio Rey Soler, e suxerirlle que introducise tamén o galego. O dono e o seu fillo Pau responderon decontado de maneira positiva, dicíndolle que non había ningún problema: que lle buscase el mesmo quen puidese facelo con garantías e que introducirían con sumo gusto o idioma de Galicia.

 

Fernando púxose en contacto cun membro de ProLingua e tamén residente no concello de Teo -quen subscribe-, que aceptou encantado pola oportunidade de que o noso idioma estivese á altura dos arriba citados, todos eles de recoñecido prestixio.

 

A tradución contou cos seguintes apartados no web que enchen un total de 15 entradas ou páxinas: Quen somos (“A nosa historia”, “Onde está Oliflix”, “Premios); Elaboración (“Cultivo ecolóxico das oliveiras”, “Elaboración artesanal do aceite”...); Propiedades do aceite de oliva virxe ecolóxico (historia, receitas...); Os nosos produtos; Comprar/contacto. Estaba rematada a finais de marzo e a empresa subiuna ó web a principios de abril, co detalle de situar o enlace á versión en galego en segundo lugar, inmediatamente despois da versión en español e antes das outras: catalán, francés, inglés e alemán. Un lugar ben destacado e digno para a nosa lingua (véxase: http://www.oliflix.com/gl/).

 

Para o pagamento do traballo, o tradutor só aceptou que fose en especie -unhas garrafas dese aceite virxe ecolóxico de cinco litros cada unha, coma tal- e non en cartos. Nin que dicir ten que os propietarios da empresa foron moi xenerosos cos envíos, un xa antes de empezar a tradución, e outro ó lle dar remate.

 

Reacción moi positiva por parte da clientela galega

 

A cousa non quedou aí, pois, animado pola boa resposta que tivo por parte dos clientes galegos a introdución do noso idioma no web, Pau Rey quixo ter un novo detalle con eles e rogoume que lle traducise ó galego unha carta persoal e tamén o breve texto da etiqueta para o colo das botellas de 0,750 L. Esa é a etiqueta que figura na foto adxunta: por unha parte en galego, pola outra en éuscaro, pois os envíos a Galicia e ó País Vasco seica van xuntos. Así mesmo, tamén quixo introducir subtítulos no noso idioma no vídeo de sete minutos no que se explica a elaboración artesanal do aceite no muíño de Mequinenza (véxase na páxina de inicio do enlace).

 

Malia ir a carta redactada só en galego, seica a reacción da clientela de Galicia foi satisfactoria. Así o expresaba o propio Pau Rey con letras maiúsculas nunha mensaxe que lle remitiu ó tradutor por correo electrónico o pasado 11 de xuño:

 

“Decirte también que la reacción que han tenido los gallegos, con la carta traducida al gallego, por ahora, es SATISFACTORIO!! Me están llamando o enviando emails dando las gracias por este detalle de la carta en gallego, a parte de algún que otro pedido por la promoción de portes pagados”.

 

Conscientes como somos de que en todas partes hai cans descalzos -e en Galicia algúns ben rabudos- non deixa de ser esperanzador que a clientela galega respondese de maneira positiva á iniciativa dos propietarios, que demostran tolerancia e respecto pola diversidade lingüística e cultural do conxunto do Estado.

 

Certo que, afortunadamente, cada vez hai máis empresas galegas que fan publicidade e etiquetan o produto na lingua propia de Galicia -as integradas no Foro Enrique Peinador, que preside o activo Xosé González, son unha boa mostra-, pero non deixa de ter un mérito especial esta catalano-aragonesa que, por unha simple suxestión ou rogo dun cliente galego, decidiu decontado a introdución do noso idioma no seu web en pé de igualdade con outros de proxección internacional.  

 

Traio este caso positivo a ‘Voces’ de ProLingua non só para poñer como exemplo a Oliflix para outras empresas, galegas ou foráneas, polo seu respecto polo pluralismo lingüístico e polas linguas minorizadas, senón tamén polo moito que poden facer os particulares, como foi o caso do meu conveciño e amigo teense coa súa pequena grande iniciativa que me fixo lembrar un artigo titulado Sementeira, que o galeguista Florentino López Cuevillas publicaba en 1951, en tempos ben peores -ou non (!?)- que os de agora:

 

“Nos tempos que han de vir veredes devecer aínda máis a nosa cultura, perder terreo a nosa lingua... Non desesperedes os que aínda sentides a emoción galega, e tende por certo que calquera traballo, grande ou pequeno, duro ou levián que emprendades en nome de Galicia será sempre sementeira”.

 

Pois a semente aquí botada é tamén unha boa achega que contribúe a achanzar un pouco máis, paso a paso, o longo camiño da normalización do idioma propio de Galicia, camiño cada vez máis esgrevio, pois do Goberno de Feixó «lasciate ogni speranza», como advertía a tétrica inscrición á entrada do inferno de Dante.

botella de 0 750 l de oliflix coa etiqueta en galego e éuscaro

botella de 0 750 l de oliflix coa etiqueta en galego e éuscaro

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior