USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Unha cuestión de respecto

Por Beatriz Doldán

Alumna de Galego en Madrid

Chámase este espazo Voces e a nosa está afónica. O alumnado de Galego en Madrid está canso de intentar a comunicación coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e de obter respostas confusas e contraditorias, cando non o silencio.

En setembro do 2014 asistiamos á clausura das Xornadas Internacionais UCM-UNED, na que participaba D. Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística. Preocupados pola continuidade dos nosos estudos, doía escoitarlle falar de todos aqueles lugares remotos nos que o seu departamento desenvolve programas de difusión da lingua e cultura galegas. Sentiámonos, unha vez máis, nin tan preto como para respirar o ar das carballeiras nin tan lonxe como para merecer a atención da Xunta de Galicia.

Porén, aquel día o señor García tranquilizounos ao asegurarnos que os cursos preparatorios para os exames CELGA nos que viñamos participando dende anos anteriores se reanudarían na nosa cidade no mes de xaneiro do 2015, tal e como estaba previsto.

Dous meses despois, o 27 de novembro do 2014, a SXPL comunicáballe á nosa mestra, Carme Lamela, que ditos cursos quedaban suspendidos “por razóns organizativas e xurídicas”.

O 4 de marzo deste ano, na Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento rexional, en resposta a unha pregunta do Grupo Mixto, o Secretario Xeral afirmaba que a suspensión se debía á necesidade de redeseñar as actividades formativas e que unha nova edición mellorada sería presentada en maio. Chegou a data anunciada e o único deseño do que puidemos gozar foi o das margaridas.

No mes de agosto pasado, o Diario Oficial de Galicia publicou, por fin, a nova oferta formativa encamiñada a obter a cualificación CELGA. Madrid queda excluído.

Detrás destas mensaxes erráticas hai máis de noventa persoas matriculadas pero sen clases. Persoas que se achegan ao estudo da lingua galega dende diferentes intereses e motivacións, pero todas elas cun proxecto vital interrompido. Actualmente, movémonos entre a perplexidade e o desalento, entre a incerteza e a carraxe. Incrédulos ante unha política lingüística que nos converte en monicreques.

Mentres nos despachos se xoga ao xadrez, na praza agardan posíbeis oportunidades de traballo, identidades en construción e amores que se botan de menos. Todos eles se resisten a ser varridos como follas secas amontoadas na rúa do desterro.

En Madrid agarda unha aula, alumnado e unha mestra apaixonada polo seu traballo pero falta, de momento, o apoio institucional necesario para poñernos outra vez en marcha.

Na nosa peregrinaxe de retorno á casa resultou que alguén borrou as frechas amarelas e non sabemos se dar a media volta e esquecer Santiago ou seguir alimentando a fe. 

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior