USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Por min o galego terá mil primaveras máis

As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. (...) Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis'".

(Palabras pronunciadas por Álvaro Cunqueiro na homenaxe que se lle rendeu en Vigo o 25 de abril de 1980)

As Mil primaveras máis para a lingua galega, que Cunqueiro desexou e para as que fixo brotar unha obra excepcional, motívannos a botar a andar unha nova campaña na que ti es fundamental.

Somos conscientes de que unha lingua só ten sentido se a falamos, porque só así garantimos o seu futuro. Por iso sementamos vida cando a empregamos, cando soñamos nela, cando bailamos ao seu son, cando nos indignamos coa forza que ela nos dá, cando a eliximos para transmitírllela ás novas xeracións, cando a protexemos dos que non nos entenden, cando codificamos o mundo a través dela... cando ti decides que é a túa lingua.

ProLingua quere que ese compromiso individual sexa visible nesta primavera. Polo que che pedimos que graves un vídeo dicindo Por min o galego terá mil primaveras máis (ou ben coa frase Por nós o galego terá mil primaveras máis, se o fas en grupo) e que nolo envíes a prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio. No correo indícanos o teu nome e apelidos, lugar de orixe e profesión.

Antes de rematar a primavera florecerá unha gravación na que cada compromiso individual dea vida a un compromiso colectivo. Sumaremos forzas e ampliaremos a rede de afectos ao redor do idioma para seguir sentindo que a Patria da Lingua Galega terá mil primaveras máis.


 

Por oír a unha rula decir de amor,

amiga, namorada vou!

 

Por mirar as cerdeiras como botan fror,

amiga, namorada vou!

 

(A. Cunqueiro, Cantiga nova que se chama riveira)



ProLingua, 25 de abril do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior