USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

O idioma non é o culpable

Por Xosé Antón Laxe Martiñán

 

Que obxecto ten que un xornal local destaque en despece de seu que a nota de inculpación dun home nun asasino (e o seu posterior suicidio) está escrita en galego, se o lutuoso feito se perpetrou en Galicia? Vallan todas as presuncións para o inculpado, quen xa non poderá ser xulgado e a quen non será preciso identificar aquí; respecto ao xornal, o relato non é haxiográfico e a belixerancia reiterada co idioma invalida calquera presunción.

Os feitos son como segue. O antedito xornal informa da aparición de dous cadáveres nunha vila do sur de Ourense. A noticia ilústrase, ademais de cunha imaxe xeral do traslado dun dos cadáveres, coa foto dunha das tres notas que o presunto asasino repartiu pola vila. Nesas notas anúnciase o tráxico final. E malia ser perfectamente lexible na imaxe, no corpo da noticia indícase que o idioma empregado na escrita é o galego.

Non entramos agora a xulgar se sería obxecto de atención que a nota estivese redactada noutro idioma; tampouco as conclusións dunha análise grafolóxica de urxencia que revelase, por exemplo, que o autor, indouto e con evidentes problemas para expresarse por escrito, redactou a nota na súa lingua natural, a que lle saíu en tan triste momento e na que transcorría a súa vida. Pero sospeitamos que fóra da outra lingua oficial en Galicia calquera código había activar esa práctica tan recorrida que consiste en repartir as culpas en proporción inversa ao PIB do país do cal o idioma é bandeira: canto máis pobre máis culpable.

Pero se é regra principal en calquera estratexia de márketing asociar conceptos subrepticiamente coa fin de xerar necesidades, de estimular desexos inexistentes a priori ou asociar conceptos e ideas entre a poboación máis susceptible ás fins pretendidas, non é inocente que La Región acordase publicar en primeira a nota en perfecto galego dun asasino iletrado. Valla toda presunción, insistimos.

Pero vaiamos ao que nos importa. O tanxible. O xornal decidiu que parte substancial da noticia fose deixar ben claro que o idioma empregado na redacción das notas era o galego. Pero a noticia está redactada en castelán co claro obxecto de crear e marcar o distanciamento preciso entre a claridade da información que o xornal ofrece fronte a escuridade e punibilidade dun feito perpetrado, presuntamente, por un galegofalante, como proban a notas. Tendo en conta o lugar dos feitos, territorio galegofalante case ao 100%, debe ser obxecto de destaque o idioma dos/as naturais dese lugar en calquera feito? Ao facer isto noticiable, tamén ao publicar a foto da nota outorgándolle en tamaño a mesma importancia có resto das imaxes que ilustran a noticia, o xornal inclúe subliminarmente o idioma como agravante na comisión de tan terrible feito. Mesmo como outra arma.

A España sóbranlle medios para criminalizar linguas. Valla de exemplo como os medios españois, no seu delirio, se aplicaron na condena do éuscaro identificando idioma e violencia e confundiron a opinión pública ata facer que o peche de Egunkaria –medio monolingüe en éuscaro- fose visto como xusto fóra de Euskal Herria. Alá á prensa galega, ás liñas editoriais e á súa responsabilidade na pretendida condena do noso idioma. Nós pensamos que dentro da singularidade de cada contexto a lingua tamén pode ser fea, mesmo horrenda, e polo tanto capaz para todos os usos. É dicir, normal. É dicir, útil. E non por iso culpable.  

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior