USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

O idioma, na cuneta

herbas de san xoan

Por Xosé Antón Laxe Martiñán

 

Fóra opinións testemuñais ou falsamente afalagadoras (parece que pasou un século pola lingua estes últimos anos), ese labor de acabación lenta do idioma encontra nos lugares a priori máis insospeitados (prensa, institucións publicas…) o alento que lle cómpre para continuar.

 

Por marzo de 1937, en Lugo, escribía Luís Pimentel “Galicia ametrallada nas cunetas / dos seus camiños”. Por darlle claridade á ecuación, Luísa Villalta, con Pessoa, dicía que as palabras son xente, xente destemida. Xente armada, dicimos nós, coa poderosa arma das palabras.

 

“Señor, ¿qué fixemos? / - Non fales en voz alta -”, continúa Pimentel. A impertinencia de calquera comparación xustifícase na empatía, esa figura que canxa o lugar e o que nel aconteceu. É incompatible co medo. Non tememos que nos vixíen, que nos repriman; temos poemas e memoria. E vontade de seguir declarándolle a guerra á hostilidade. Interésanos a xente que non soportará este texto. Estas somos nós, “rubindo unha e outra vez as escadas dun mundo posíbel”, con Luísa.

 

Quen amamos a lingua, como esta asociación chamada ProLingua, que se gaba de traballar polo idioma sen dependencias partidistas, lavamos os ollos coa transparencia e o sorriso desta última auga de San Xoán e, contradicindo a Luís Pimentel, dicímoslle á Garda Civil que vén de denunciar a presenza pública do noso idioma nas rúas de Gondomar, que todas as portas están abertas e queremos trocar con vós o noso sorriso. Xa non está no voso cometido deixarnos sen palabras para os nosos versos, senón cumprir e facer cumprir a legalidade.

 

“¿Hasta cándo durará iste gran enterro?”

herbas de san xoan

herbas de san xoan

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior