USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

O galego e as fronteiras

cine galego

por Xosé Luís Santos Cabanas, membro de ProLingua

 

           

A Sociolingüística achegouse (e achégase aínda) ás relacións entre os idiomas falados nun mesmo territorio, ben estudadas polo valenciano Rafael Ninyoles, que faleceu a finais de outubro deste 2019 que está rematando. É mágoa que a wikipedia galega non lle dedique unha entrada a este destacado científico social, pois nesta terra somos moitas as persoas que descubrimos nos seus libros, algúns deles traducidos ao galego, como desde a análise psicosocial ou socioloxía do coñecemento se describen conflitos lingüísticos nos que medran vizosos prexuízos que levan a que unha lingua sexa considerada como de segunda ou terceira categoría no que vou chamar, para entendérmonos, imaxinario colectivo.

           

Como non son especialista na materia, creo que me vou explicar mellor se acudo a algúns exemplos, aínda que sexan moi coñecidos. Paréceme que ilustran ben este fenómeno do que un meu amigo chama coloquialmente racismo lingüístico.

 

Comezo nos anos escuros, cando o Director Xeral de Prensa franquista, Juan Aparicio, escribía no 1952: "En Galicia, algún pedantón traduce la filosofía alemana con ritmo de gaita (...) es un escritor que tiene faltas de ortografía en su pluma y en su alma(...) habría que someterles a una cura psicoanalítica o traerles a Madrid por las buenas o por las malas para que tonifiquen su sistema moral y su sistema nervioso...".  Referíase este alto cargo fascista a un libro cuxa tradución foi censurada. Tratábase do ensaio Vom Wesem der Wahrheit, de Martin Heidegger, traducido ao galego por Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega como Da esencia da verdade [1].

 

Se andamos un pouco no tempo podemos ler como outro personaxe que traballaba para axeitar a estrutura política do Estado español á dos países do occidente europeo, contestáballe así no 1976 ao xornalista que o entrevistara para a revista Paris-Match:  "Su pregunta, perdone que se lo diga, es tonta. Encuéntreme, primero, unos profesores que puedan enseñar la química nuclear en vascuence o en catalán. Seamos serios..."[2]. Estas palabras son de Adolfo Suárez González, que exerceu como alto cargo da ditadura, e que foi nomeado polo rei presidente do Goberno español, cargo que consolidou nas eleccións celebradas un ano e sete meses despois da  morte do xeneral golpista Francisco Franco.

 

Melloramos: Traducir textos cultos ao galego é propio de enfermos mentais. Mais no 1976 non se considera que deba ser obxecto de tratamento psiquiátrico falar de ensinar química nuclear en vascuence ou en catalán, abonda con dicir que nin tratalo é serio, como se entende que debe de selo esta rama das ciencias experimentais. O señor Adolfo Suárez neste caso non menciona o idioma galego, aínda que o seu pai fose un coruñés represaliado pola súa militancia republicana, e el pasase moitos veráns en Galicia e presumise de ser socio do Deportivo.

 

Se cadra é máis malo de detectar o racismo lingüístico nun titular actual de prensa:  "El milagro del ‘thriller’ gallego que nadie quería y que triunfó en Netflix". Refírome agora a unha nova do 9 de decembro do xornal El País, que trata de como unha serie, O sabor das margaridas, trunfa máis alá das fronteiras do Estado español, especialmente en Inglaterra e Irlanda. A serie está en galego, e, segundo conta a xornalista Sonia Vizoso no corpo da súa crónica,  fóronlles pechadas moitas portas por culpa do idioma no que falan os personaxes[3].

 

Se dicimos que é un milagre que este thriller trunfe onde a lingua que manda é o inglés, considerado unanimemente de primeira categoría, como para lle dar a razón á coñecida frase de Nebrija de que "la lengua es compañera del imperio", dáme a impresión de que pensamos que a serie está en inferioridade de condicións para competir en audiencia con outras por culpa do idioma utilizado. Ninguén redactaría na prensa un titular para informar do trunfo dun filme, se este utiliza a lingua oficial en todo o territorio español. Imaxínanse vostedes un "Milagro: Almodóvar triunfa en Inglaterra con una película en castellano"?

 

Felizmente, Netflix ignorou neste caso os prexuízos lingüísticos, que estas compañías multinacionais só se conmoven cas lóxicas capitalistas do beneficio económico. Mais moitos dos que pensan que o galego non ten autoridade para ocupar o seu lugar en segundo que contornas culturais, nos tempos que corren non van atacalo en público coa contundencia do falanxista que lle negaba á nosa lingua a capacidade para traducir filosofía alemá, coa súa ousada e ofensiva metáfora de faltas de ortografía na alma. Na actualidade, hai quen practica o racismo lingüístico intentando convencernos de que é moito mellor que o galego non saia da súa casa. Niso pensarían os que rexeitaron a serie do xénero negro á que se refire a nova de xornal que comentamos.

 

Claro que estas "pobres" linguas non lles están a facer caso ningún a estas xentes ateigadas de prexuízos. Temos o exemplo nesta O sabor das margaridas da que falamos, tamén nos premios internacionais que segue a recadar a espléndida e fermosa e poética película de Oliver Laxe (nesta sección de Voces da plataforma ProLingua achégase a ela a compañeira Maka Arca cun completo artigo), os premios a O que arde, que pasa en Galicia e que fala integramente en galego, coa excepción dun grupo de funcionarios xudiciais anónimos. Ou a máis recente de Eloy Enciso, Longa noite, a cal, segundo explica o director, nos mergulla na consolidación do fascismo franquista nos anos 40 para que reparemos na realidade de hoxe[4].

 

En fin. O noso vello idioma non lle fai caso ningún a quen o minusvalora ou despreza. Vai de "milagre" en "milagre". Xa hai ben tempo que a nosa literatura e a nosa música andan con soltura polo mundo adiante. Máis recentemente súmase o noso novo cinema, a ollar de fronte para as producións audiovisuais filmadas nas apoiadas linguas estatais. Non fai o galego fronteiras. Traspásaas en pé de igualdade.

 

Mentres tanto, as autoridades autonómicas esfórzanse en limitar o seu uso na docencia, a pesar das insistentes recomendacións do Consello de Europa, que mesmo desprezan en público[5]. Aplican na súa lexislación para a lingua propia de Galicia os mesmos incultos prexuízos de Adolfo Suárez no ano 1976, cando lles negaba ao catalán e ao éuscaro capacidade para o ensino de química nuclear[6].

 



[1]  Dasilva, X.M. “La traducción al gallego y la censura franquista”. Quaderns, Revista de Traducció 20, 2013, pp. 17-29.

 

[2]  “Suárez González: Hay que hacer trabajar al gobierno y a la oposición conjuntamente”, ABC, 25 de agosto de 1976.

 

[3] “El milagro del “thriller” gallego que nadie quería y que triunfó en Netflix”, El País, 9 de decembro de 2019: https://elpais.com/cultura/2019/12/06/television/1575641850_170507.html

 

[4] Sen ánimo de ser exhaustivo, enumero algúns dos festivais que consideraron ou premiaron estes filmes: Festival de Cannes, Internacional de Cinema de Tesalónica, Internacional de Cinema Mar del Plata, Chicago Film Festival, Locarno Film Festival, 57th New York Film Festival, etcétera..

 

[5]  “Feijóo desdeña as críticas do Consello de Europa á política lingüística da Xunta: “Alá eles”, Praza Pública, 13 de decembro de 2019.   https://praza.gal/politica/feijoo-desdena-as-criticas-do-consello-de-europa-a-politica-linguistica-da-xunta-ala-eles

 

[6] “O Consello de Europa volve cargar contra a política lingüística da Xunta por “limitar” a docencia en galego”, Praza Pública, 11 de decembro de 2019. https://praza.gal/politica/o-consello-de-europa-volve-cargar-contra-a-politica-linguistica-da-xunta-por-limitar-a-docencia-en-galego

 

 

cine galego

cine galego

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior