USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

O barranqueño, terceira lingua oficial de Portugal?

Por Francisco Fernández Rei

Membro da Cerna de ProLingua


No concello portugués de Barrancos, situado ó noroeste da provincia de Huelva nunha zona onde o río Guadiana non forma fronteira con España, fálase unha variedade mixta coñecida como barranqueño, con base no portugués alentexano e forte influencia na fonética, na morfosintaxe e no léxico do castelán de Andalucía e do da Baixa Estremadura. O barranqueño, cuxa orixe parece estar relacionada cos asentamentos medievais de españois nesa zona portuguesa, mantívose polo contacto permanente con poboacións españolas veciñas. A máis próxima é Encinasola (Huelva), a 9 km, mentres que Santo Aleixo da Restauração (freguesía do concello de Moura), a poboación portuguesa máis próxima a Barrancos, está a 21 km; e a vila de Moura, á que antes do curso 1987-88 se deslocaban cada día estudantes do ensino secundario, está a 52 km.

O secular contacto con poboacións andaluzas explica que en Barrancos se celebren touradas “á española”, con morte do touro, que está prohibido en Portugal desde 1928, con multas que poden chegar a 400.000 euros. A finais de agosto do 2001, que é cando se celebran as touradas na festa e feira da Conceição de Barrancos, estando no Alentexo puiden ir vendo como a prensa portuguesa informaba da inminente transgresión da lei, con titulares como “Matadores espanhóis ignoram lei portuguesa”, e debaixo “Três novilheiros espanhóis, todos de Sevilha, ja se informaram que a pesar das formalidades jurídicas, nenhum toureiro teve problemas”; e días despois, titulares do tipo “Consumada mais uma transgressão em Barrancos”. Logo das polémicas sobre as touradas nesa vila alentexana, o 31 de xullo do 2002  o Parlamento portugués legalizou a situación de Barrancos cunha lei de excepción que permite a morte do touro en localidades portuguesas con esa tradición mantida ininterrompidamente, polo menos nos cincuenta anos anteriores, como expresión de cultura popular.

A profesora da Universidade Complutense María Victoria Navas Sánchez-Élez publicou a finais do 2011 a monografía El barranqueño. Un modelo de lenguas en contacto, na que compendia os seus traballos sobre esta variedade mixta, que tan ben coñece, despois de analizar o material que ela mesmo recolleu en varias e demoradas estancias en Barrancos nos anos 1988 e 1990 e noutras visitas de menor duración a esta vila que hoxe ten algo menos de menos de 2.000 habitantes e que foi perdendo poboación nas últimas décadas, pois no 1960 contaba con 3.429 habitantes.

A segunda parte desa monografía é unha completa descripción do barranqueño, con estudo dos seus trazos caracterizadores tanto desde o punto de vista descritivo como da variación lingüística. Antes da descrición, nas pp. 49-51 explícase a situación lingüística de Barrancos que, segundo Victoria Navas, non é o trilingüismo portugués (alentexano), español (andaluz/estremeño) e barranqueño, como afirmara Leite de Vasconcelos, senón que na vila “se puede oír hablar portugués, español y el dialecto en cuestión”.

Empregan sempre o portugués os ensinantes que non naceron na comunidade e que non coñecen o barranqueño nin o castelán; e comunícanse (ou pretenden facelo) en portugués o alcalde e os funcionarios do Concello, do Centro de Saúde, de Correos, da Tesouraría e das Escolas e os traballadores da banca, e tamén a Igrexa, pois toda a vida relixiosa (misa, rosario, novenas…) se desenvolve na lingua estatal. Ás veces úsano os barranqueños que antes de 1987 cursaban o ensino secundario na vila de Moura; e en contactos formais tamén empregan o portugués os que cursaron estudos superiores, xeralmente en Beja, capital da provincia á que pertence Barrancos.

A porcentaxe da poboación que nunca fala portugués parece ser significativa, a xulgar polos resultados dun inquérito da década de 1990 sobre o nivel de escolarización: o 23,5% eran analfabetos, o 41% sabía ler e escribir e unicamente o 15% rematara o Ensino Básico Secundario. Nestes datos deben estar as persoas de Barrancos que menos contacto tiveron co portugués.

O castelán andaluz ou estremeño que se fala na vila está inzado de arcaísmos e ruralismos (vide, diz que, ansina), de hipercorreccións (tiengo, niervos) e de interferencias do portugués e do leonés. Usan o castelán en bastantes familias as mulleres da primeira e segunda xeración (as avoas e as nais da xente nova) que, segundo a autora, parece o grupo maioritario; pero tamén se usa cando se comunican algúns veciños e veciñas dos mesmos grupos xeracionais, mesmo pais da xeración actual de xente nova, que falan castelán entre eles e barranqueño cos seus fillos. Ademais, o castelán é a lingua dos poucos españois que residen na vila, á vez que o usan os barranqueños nos contos, anécdotas, lendas, adiviñas… que lles transmitiu a xente maior. A xente nova, que ten coñecemento pasivo do castelán, emprégao á hora de contar chistes, de cantar as cancións dos quintos ou cando falan con españois.

O barranqueño, en xeral, fálano todas as persoas nadas en Barrancos de pais oriundos da vila. Úsano os barranqueños que saben portugués cando se dirixen a falantes da variedade local, e tamén o empregan os barranqueños cos veciños cos que non se fala en castelán. O barranqueño “es la lengua que se puede escuchar – intercalada con el español– en las calles, en el mercado, en las tiendas, en las tabernas, bares y Sociedades Recreativas”.

No 2008 a variedade lingüística propia de Barrancos clasificouse como Patrimonio Cultural Inmaterial de Interese Municipal e no 2012 comezaron a darse novos pasos para conservalo, do que é boa mostra o Projecto Preservação e Valorização do Barranquenho, a cargo de Ana Paula Banza e Filomena Gonçalves, profesoras e investigadoras da Universidade de Évora, e Mª Victoria Navas, proxecto que, entre outros obxectivos, ten o de elaborar unha convencíón ortográfica para unha variedade sen tradición escrita. O municipio de Barrancos apoia esta iniciativa que trata de desenvolver instrumentos que permitan preservar, poñer en valor e ensinar o barranqueño, así como incrementar a auto-estima e a identidade local da comunidade de Barrancos e, xa que logo, o seu capital social e humano, á vez que se promove o barranqueño como fonte de interese turístico; e no futuro o Concello poderá pedir o estatuto de língua oficial minoritaria.

O 17 de setembro do 1998 o Parlamento portugués aprobou por unanimidade unha lei pola que se recoñecía o mirandés (variedade de orixe astur-leonesa falada na Terra de Miranda) como lingua oficial do país, e un ano despois publicouse a Convenção Ortográfica da Língua Mirandesa. Arelamos que algún día o Parlamento luso recoñeza  o barranqueño como a terceira lingua de Portugal.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior