USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Memoria da noite

memoria da noite imaxe

Por Xosé Luís Santos Cabanas

 

 

Para sardiñas Aguiño

para bolos Castiñeiras

para rapazas bonitas

Santa Uxía de Ribeira

 

 

            Comezo este meu artigo cos  versos finais da cantiga que Esperanza Mariño escolleu como remate da súa reportaxe do concerto de Luar na Lubre que se publicou nesta sección “Voces”, da páxina web de ProLingua. Un texto ateigado de entusiasmo e de música.

            Veñen para min a conto estes versos porque, antes deste concerto estiven cunha parella amiga que me chamara para vérmonos. Eles achegáranse a Compostela desde a terras dos “bolos”, Castiñeiras, para asistiren á actuación deste grupo. Podo asegurar que desmentían a letra da cantiga, pois a  muller coa que estiven, que xa ten fillas que andan polos trinta anos, segue a ser unha rapaza bonita, aínda que non nacera en Santa Uxía de Ribeira.

            Como non asistín ao concerto, compenseino remexendo na miña computadora para escoitar pezas do noso grupo coruñés, que no seu nome apreixa esa palabra galega da que estaba namorado Lorca (os galegos teñen unha palabra para a luz da lúa, dicía o poeta andaluz con asombro), e mais os recendos da maxia dos  bosques: Luar na Lubre. Achegueime así, entre outras, á que se titula Memoria da noite, no fondo da que latexa a agresión, ao noso mar e á nosa dignidade, da marea negra do Prestige. A música é de Bieito Romero, e a letra de Xabier Cordal, o escritor que tamén colabora nesta sección. Segundo explican na páxina web do grupo, o poeta aceptou o reto de poñerlle letra á  melodía que lle fixera chegar o músico.

            Levei unha agradable sorpresa con esta peza. Souben, coa axuda dalgún correo que intercambiei coas miñas amizades, que Memoria da noite está soando agora en México, en Sudáfrica e na China (hai unha versión en chinés),  que Youtube está inzado de xente cantándoa en gravacións artesanais polo mundo adiante... e case sempre, como fixo o grupo heavy/folk Mägo de Öz, en galego. Estamos sen dúbida perante dun dos textos galegos máis difundidos, xa que se sumamos as entradas nas diferentes versións do tema pasamos dos dous millóns de visitas.

            Nun correo que recibo copian da ficha da Biblioteca Nacional: Título, Memoria da noite; letra, Xavier [sic] Cordal; música: Bieito Romero.

            A amiga que me envía estes datos pídeme que repare neste “sic”, que nos indica que o catalogador da Biblioteca Nacional detectou que hai un erro no nome de pía do poeta, que o autor escribe con “b”: Xabier.

            En ProLingua preocupámonos e movémonos para non cometer un erro moito máis importante: deixar morrer de inanición esta lingua que fixemos as galegas e os galegos falándoa, escribíndoa, cantándoa...

            Remato con ligazóns á preciosa e redonda Memoria da noite: as interpretacións de Mägo de Öz, outra na que cantan o canario Pedro Guerra e a portuguesa Sara Vidal, e mais a que debe de ser a primeira das versións, coa voz de Rosa Cedrón, tan bela:

  • Mägo de Öz:

https://www.youtube.com/watch?v=uguJqSyAsIY

  • Luar na Lubre con Pedro Guerra e Sara Vidal:

https://www.youtube.com/watch?v=JWwZwkhuoqw

  • Luar na Lubre con Rosa Cedrón:

https://www.youtube.com/watch?v=-EgpCh7j78g

 

 

 

 

  

memoria da noite imaxe

memoria da noite imaxe

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior