USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Lingua, xustiza española e discriminación

Por Xabier Cordal


Tras a demanda interposta por un feixe de familias moi incómodas co feito de que Cataluña teña lingua propia, o Tribunal Superior de Xustiza (o que representa o poder xudicial español en Cataluña) ditou hai uns días seis resolucións que obrigan a Generalitat, “de forma cautelar”, a ofrecer a seis alumnos as clases de infantil, primaria e secundaria “tamén en castelán” e na mesma proporción ca en catalán.

A Constitución española consagra, sen citalas, e non é unha omisión casual, a oficialidade das “linguas españolas” cando esta se contemple en calquera dos Estatutos de Autonomía. Non entramos agora a xulgar a ideoloxía constitucional nin os incumprimentos, máis evidentes no tempo último, do articulado máis progresista. A resolución do TSXC continúa revelando a fotografía resesa do Réxime (deste Réxime en canto prolongación do anterior).

Se as clases en español se conciben como dereito fundamental que ha de ser garantido mentres non chega a sentenza definitiva; se os informes da UE constatan que a lingua galega quedou varrida das aulas, sobre todo no ámbito urbano, cal é a razón para non garantir “cautelarmente” a súa presenza?

Si, cumpriría superar a fase das preguntas retóricas. Hoxe a xustiza non sae gratis, mais non parece quimera ningunha sufragarmos en rede unha iniciativa para que familias agredidas polo plan de exterminio do goberno Feijoo tomen nota da resolución en Cataluña e acudan aos tribunais. Ata Europa, se for preciso. Satisfacernos coa ética da denuncia verbal significa admitir implicitamente que a oficialidade do idioma, o seu dereito á vida pública, é unha etapa superada.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior