USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Ideas para unha Historia de Galicia para os galegos e galegas do século XXI (I)

Por Carlos Baliñas



Unha historia nin “singular” nin “periférica”, que sitúe o acontecer histórico de Galicia dentro dos seus marcos naturais e lóxicos de relación e interpretación, que non poden ser outros que Europa e a Península Ibérica. Calquera intento de explicar a formación histórica da sociedade galega en exclusiva referencia ós sucesos acaecidos en territorio galego está reducida ó fracaso, ó descrédito e ó ridículo. Compre afrontar, por conseguinte, un dos grandes escollos nos que naufraga decote moita da produción historiográfica galaica: “o problema de España”. Vai sendo hora xa, unha vez que se ten máis ou menos definido Galicia como suxeito histórico, que os historiadores galegos formulen tamén a súa proposta ontolóxica sobre a realidade histórica española. Do mesmo xeito que é inconcibible -malia que se siga practicando- a conceptualización dos fenómenos históricos galegos como unha mera variante folclórica de grandes procesos exclusivamente hispánicos, resulta igualmente desbotable a pretensión de soster unha explicación solipsista deses mesmos procesos como fenómenos particulares galaicos. Aínda que se siga a postular que Galicia foi forzada a integrarse a fins do século XV no proceso de construción política do estado español -cousa que é moi discutible historicamente-, resulta obvio supoñer que máis de cincocentos anos de historia parella terán deixado algún pouso común e xerado unha dinámica de interrelación mutua. De feito, moita da historia nacionalista de Galicia non é máis ca un relato especular -unha “anti-historia de España”- feito co mesmo discurso que a historiografía españolista máis chauvinista: substitúese El Cid polo arcebispo Xelmírez, o 2 de Maio pola batalla de Ponte Sampaio, pero o substrato discursivo é virtualmente o mesmo, se acaso co engadido dunhas pingas de terminoloxía marxista para camuflar o vedraño da proposta.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior