USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

“Galicia (que nunca había sido reino)”

os reinos cristiáns e musulmáns da península no ano 1065 glwikipedia

Por Xosé María Lema Suárez

 

A inmutable falsidade de certa historiografía española, aínda agora

 

Non hai moito un historiador español de certo éxito como divulgador -polo que despois direi, acáelle mellor o de divulgador de historia que o de historiador- criticaba nun dos seus libros que o rei Fernando I dividise á súa morte (1065) o seu imperio entre os seus fillos: “el reino de Castilla para Sancho II; el reino de León y el título de emperador, para Alfonso VI; Galicia (que nunca había sido reino) para García; la ciudad de Zamora para Urraca y la de Toro para Elvira (Juan Eslava Galán: “Historia de España contaba para escépticos”; Ed. Planeta; 2016, páx. 154).

 

O subliñado anterior é meu. Como un historiador -ou o que sexa- pode afirmar que Galicia nunca fora reino e quedar tan pancho! Este señor ignora, xa en primeiro lugar, a existencia do reino suevo de Galicia, o primeiro reino medieval de Occidente, que durou arredor de 175 anos (411-585): “peccata minuta”, unha “cagadiña” (con perdón) histórica? Ignora toda a posterior documentación medieval dos reinos peninsulares cristiáns do norte e musulmáns do sur na que a presenza do reino de Galicia é constante, anterior desde logo ós de León e Castela (este, por certo, foi o último en chegar, xunto co de Portugal). Sen ir máis lonxe, o citado Fernando I -conde navarro que pasou a ser rei ó casar con Sancha, irmá de Vermudo III, último rei dunha dinastía galaica- autotitúlase emperador, rei de reinos: “rex in Castella, in Legione et in Gallecia”. Os documentos non menten, Sr. Eslava. Infórmese. Onde si tivo acerto vostede foi en dedicar o seu libro ós escépticos, cousa que non me estraña; eu un deles, desde logo.

 

A pinga que reborda o vaso: disque en Compostela se substituíron as imaxes do Santiago matamouros polas do peregrino tras o 11-M

 

En fin, vendo o que escribe este señor de acontecementos moito máis recentes, xa un se explica todo. Un exemplo: na nota 55 da páx. 132 do libro citado, falando da batalla de Clavijo, afirma o seguinte (copio literalmente):

 

“Estimulada por el desplome de las torres gemelas (sic, en minúscula) y por el resurgimiento del terrorismo fundamentalista islámico, la Iglesia, con esa sensatez que la caracteriza, ha sustituído la imagen de Santiago Matamoros por la de Santiago Peregrino, a pie, pacífico, con el bordón y la concha. Una medida prudente si se tiene en cuenta que en la catedral de Santiago de Compostela es imposible controlar la cantidad de peregrinos que entran con la mochila al hombro...”

 

Vaia! E os que vivimos ó carón de Compostela non temos a máis mínima noticia; debeumos pasar o sol pola porta... Resulta que a iconografía do Santiago peregrino se acaba de inventar onte mesmo, na primeira década do séc. XXI, cando esta iconografía é medieval e mesmo anterior no tempo á do “matamouros” (por certo, nesta o Apóstolo sempre aparece vestido coas roupas de peregrino: capa con esclavina, sombreiro de aba ancha etc.).

 

Visitaría este historiador (!?) algunha vez a catedral do “patrón de las Españas”? Se o fixese, vería que no exterior as dúas imaxes de pedra do Apóstolo -unha na Porta Santa (de finais do séc. XVII); a outra na fachada do Obradoiro (de mediados do XVIII)- responden á iconografía do Santiago peregrino. A única imaxe do Santiago ecuestre que hai na catedral é a do camarín do brazo norte entrando pola porta da Acibechería (obra de Xosé Gambino da segunda metade do séc. XVIII), e o Cabido catedralicio tampouco a arredou do culto: tras o fatídico 11 de marzo de 2004 en Madrid limitouse a agochar con flores a parte inferior do conxunto escultórico, onde se vían os mouros asoballados baixo as patas do cabalo branco. Xa fóra da catedral a ninguén lle pasou pola cabeza destruír o grupo escultórico do Santiago cabaleiro que coroa o pazo de Raxoi, obra dezaoitesca de Xosé Ferreiro, e substituílo por ningún peregrino.

 

“Las chicas y García”

 

“Las chicas y García, que era un tanto apocado -segue pontificando Eslava Galán-, se conformaron con lo que les había tocado, pero Sancho y Alfonso aspiraban a toda la herencia”, (páx. 154). Elas, as infantas Urraca e Elvira, por seren mulleres (“las chicas”, así tratadas esta familiaridade, quizais menosprezo) e García porque debía ser medio parvo, estaban conformes coas “miudezas” (?) que lles tocaran. Pasemos que se poidan considerar pouca cousa as cidades de Zamora e Toro -que non o eran-, pero meter no mesmo saco o reino de Galicia cando este era o máis rico e extenso dos tres, pois comprendía a maior parte do territorio occidental peninsular, de Ortegal ó río Mondego, coa importante cidade de Coímbra incluída... Un diría máis ben que o rei Fernando I debía ter especial querenza polo seu fillo máis novo, o coitado don García, pois visto o visto no mapa peninsular, o mellor lote da herdanza era sen dúbida ningunha o seu.

 

Iso sería precisamente o que espertou as envexas dos dous irmáns maiores, Sancho e Afonso, que, contra todo dereito, non aceptaron o que lles tocara, e primeiro un e despois o outro levantáronse en armas contra o irmán menor. O ano 1071 Sancho II de Castela atravesou as terras de León e atacou a García, facéndoo prisioneiro  en Santarém (nesta batalla combatera contra os galegos o seu vasalo Rodrigo Díaz de Vivar, o futuro Cid Campeador, que pasou pola manipulación da historiografía española de ser heroe castelán a heroe español). Co consentimento de Afonso mandou ó exilio a García -que se refuxiou no reino taifa de Sevilla, que fora tributario seu- e titulouse “Castellae et Gallaecia rex” (infórmese Sr. Eslava).

 

Aínda descontento, o ambicioso Sancho ataca o seu irmán Afonso, obrigándoo a refuxiarse no reino taifa de Toledo. Tras a súa coroación en León no 1072, Sancho sería asasinado ás portas de Zamora e volverían dos seus exilios Afonso e García, e este último sería finalmente feito prisioneiro polo seu irmán mediante enganos, encerrándoo de por vida e cargado de cadeas no castelo de Luna (Babia-León). Morrerá o ano 1090 e será enterrado coas cadeas -negouse a que llas quitaran- na igrexa de San Isidoro de León; na súa tumba lese: “rex Portugallae et Galleciae”.

 

A historiografía española -e tamén boa parte da galega- sempre desprezou o rei García, considerándoo un monarca débil e apoucado, un coitadiño que se deixou enganar polos seus dous irmáns (máis “listos”). Os historiadores consideran un feito menor a traizón dos irmáns maiores, xustificada pola febleza do rei galego. Non hai máis que comparar a importancia que se lle dá ó mitificado Xuramento de Santa Gadea solicitado polo fidalgo castelán Rodrigo Díaz a Afonso VI, pero ninguén cuestiona a traizoeira felonía sufrida por García.

 

A triste historia de don García -que tampouco foi o derradeiro rei galego- inspirou a Víctor Hugo para a súa obra Le Petit Roi de Galice (1859), traducida ó galego por H. Harguindey co título O reiciño de Galicia (Laiovento, 1998). O escritor galego Darío Xohán Cabana escribiu a novela Morte de rei (Xerais, 1996), baseándose na súa figura.

 

Os reis medievais de Galicia

 

Conviría que algunha que outra vez os historiadores españois saísen da súa burbulla e botasen unha ollada, aínda que fose de esguello, ás publicacións dos seus colegas galegos. Aínda que hai honrosas excepcións, os nosos historiadores tamén deberían facerse oír máis en simposios e congresos de Historia fóra de Galicia, como se fixera oír Manuel Murguía no seu tempo, que mantivo serias controversias con historiadores da Real Academia da Historia de Madrid, como ben recorda Camilo Nogueira na súa recente obra Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010) [Eds. Xerais, 2019]: “Galicia formou unha provincia durante a dominación dos romanos, un Estado soberano durante os cento setenta anos que durou o imperio dos suevos e un país subordinado baixo o poder godo, sendo ela durante o período da Reconquista, xa cando era rexida por monarcas que se titulaban reis de Galicia, xa cando se apelidaban de León, a que gobernaba, e sendo as súas ideas e sentimentos os que informaban a vida pública do Reino” (p 403).

 

Murguía afirmaba isto en 1899. Non avanzamos nada?

 

os reinos cristiáns e musulmáns da península no ano 1065 glwikipedia

os reinos cristiáns e musulmáns da península no ano 1065 glwikipedia

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior