USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Dez anos da presentación das 55 mentiras

55 mentiras sobre a lingua galega

por Francisco Fernández Rei, membro de ProLingua

 

 

 

Para Xavier P. DoCampo,

para Agustín Fernández Paz e

 para María Xosé Rodríguez Valcárcel,

irmáns e irmá de ProLingua

que andan a navegar polos mares ignotos do Alén.

 

 

 

        Hoxe hai dez anos da acción máis impactante de ProLingua: a multipresentación, ás 20:30 hora local, do libro 55 mentiras sobre a lingua galega en 69 localidades de Galicia e doutras zonas de España, e tamén no estranxeiro, en cidades de Europa, América e Asia. Nas semanas seguintes tivo lugar, ademais, un bo quiñón de novas presentacións noutros lugares diferentes.

 

  1. A xénese de ProLingua

 

        A idea de crear unha plataforma apartidaria e plural en defensa da lingua na que puidese participar calquera persoa defensora do galego, á marxe da súa ideoloxía, débese a Xabier P. DoCampo, cando no mes de marzo do 2009 o PP que ía gobernar na Xunta de Galicia anunciaba, por primeira vez en 30 anos na xeira autonómica, medidas desprotectoras da lingua galega.

 

        O 4 de abril dese ano DoCampo xuntou en Compostela un grupo de doce persoas, todas elas con anos de experiencia na defensa da lingua galega[1]. Explicou o seu soño e debateuse qué facer perante a ameaza institucional contra o galego. Semanas despois, por cooptación, o xermolo da plataforma eran cerca de 200 persoas, que na rede discutiron e aprobaron o manifesto fundacional da asociación que se denominou ProLingua (PL), que axiña se traduciu a ducias de linguas estatais e minorizadas. A comezos de agosto do 2009 eran máis de 300 os asinantes do manifesto, que podían participar na rolda da asociación; e o sábado 3 de outubro do 2009 celebrouse a asemblea constituínte[2].

 

        Nos debates fundacionais, DoCampo consideraba necesario ter unha insignia que identificase os membros da asociación, que sería un símbolo de compromiso con Galicia. Debía crearse “unha rede espontánea de difusión (entrega/recepción) do pin/insignia; unha rede formada por iguais, o que a entrega e o que a recibe teñen en común moitas cousas, tamén esta. Unha rede formada por xente do común, non por militantes da lingua que levamos anos e anos dando a matraca”. Esa insignia significaría unha demostración pública de galeguismo idiomático, “que queres que se vexa e que che dá unha complicidade co descoñecido ou descoñecida que se cruza contigo pola rúa co mesmo pin/insignia”. Xosé Cobas, deseñou o logotipo de PL e tamén a insignia, que aínda hoxe vexo que a loce mesmo xente que nunca foi de PL, aínda que simpatiza co seu labor.

 

        Na reunión “fundacional” do 4 de abril do 2009 víase moi necesario a elaboración dun argumentario para defenderse da falacia da imposición do galego e de tantas outras, e a urxencia dese texto apareceu en debates e documentos internos previos á asemblea constituínte de PL. Segundo DoCampo o argumentario podería ter forma de decálogo (ou cos puntos necesarios) no que se desen “razóns de peso para o uso social, comercial, escolar... do galego, fronte a aquelas que esgrimen os que están contra o galego.” Recomendaba redactalo con moito sentidiño, dado que “a súa finalidade é ofrecerllo á xente, ao pobo galego como camiño de reacción. O noso, ao contrario do deles, non tería mentiras nin manipulacións interesadas, sería o argumentario da razón.”

 

  1. O argumentario contra as falacias sobre o galego

 

        Xosé Henrique Costas, como responsable da ANL da Universidade de Vigo realizara unha campaña sobre o plurilingüismo no mundo co lema Quen sabe galego sabe máis, para explicar os avances do Decreto 124/2007 promulgado polo goberno da Xunta de Galicia do bipartito PSOE-BNG para regular o uso e a promoción do galego no sistema educativo.  Moi mal lle sentara esa campaña á xente inimiga do galego.

 

        O magnifico texto desta acción foi o punto de partida do arelado argumentario de PL, polo que se acordou que Xosé Henrique Costas, membro da Cerna, coordinase o traballo dun equipo formado por Ana Mª Outón Barral, Ana Mª Iglesias Álvarez, Xosé Manuel Pérez Sardiña, Xosé Luís Regueira Fernández, Agustín Fernández Paz, Francisco Fernández Rei, Xabier Cordal Fustes, Xosé María Lema Suárez, Mercedes Queixas Zas, Alejandro Tobar Salazar e Xabier P. Docampo. Despois de moito tecer e destecer na tea das falacias, púxoselle o ramo ó ensaio 55 mentiras sobre a lingua galega (Laiovento, 2009)[3].

 

        No limiar indicábase que, cando no século XIX se refundaba a lingua (e a literatura) galega moderna, os seus inimigos coidaron que un par de mentiras abondarían para desacreditala e facela desaparecer; e que “ hai pouco menos dun século, os entusiastas defensores do idioma esixían a súa oficialidade. Son parte da memoria comunal da mesma maneira que pasou ao esquecemento colectivo o nome desoutros que vertían descualificacións contra o galego, considerándoo un estorbo antes que unha ferramenta”.

 

        PL acababa de redactar un libro útil, unha obra rigorosa que nun ton distendido avanzaba para desmontar por completo, unha por unha, as principais falacias que historicamente se verteran sobre a lingua galega, salientando as que tiñan un maior calado social. As 55 mentiras eran unha reacción organizada, limpa e contundente contra as difamacións dos que, por complexo, por mesquindade ou polas dúas cousas, o único que procuraban (e procuran) é o esmorecemento da lingua propia de Galicia. Un dos obxectivos fundamentais do libro era (e segue a selo) contribuír a desenmascarar as persoas que só coñecen palabras de exclusión, de segregación e de negación.

 

  1. A multipresentación do 5 de febreiro do 2010

 

        A idea inicial da Cerna de PL era facer unha presentación das 55 mentiras nas sete grandes cidades de Galicia e darlle así a maior visibilidade nos medios ó libro-argumentario. Cando xa había persoas comprometidas en varias desas cidades, manifestei que eu quería presentalo na vila de Cambados, na Libraría Ramón Cabanillas, a uns pasos da casa onde pasou os derradeiros días da súa vida o Poeta das Irmandades da Fala. Modestamente, a xente de PL considerábase dalgún xeito herdeira das Irmandades no relativo á defensa da lingua, de aí a data do remate da impresión do libro[4].

 

        A Cerna abandonou a idea inicial das sete grandes vilas e comezou a procurar e animar xente en Galicia (e de máis alá do Cebreiro e das Portelas) para que organizase presentacións. Axiña persoas da plataforma, e alleas á mesma, manifestaron que tamén desexaban participar nesa insólita acción a prol do galego; e o 5 de febreiro do 2010, ás 20:30 hora local, fíxose a multipresentación das 55 mentiras en 69 localidades de Galicia e de España, e en cidades de varios continentes[5].

 

        Ese serán máis de 5.000 persoas (preto de 200 estiveron nas mesas dos 69 lugares[6]) converteron a insólita multipresentación das 55 mentiras nun emotivo e fermoso acto pola dignificación da lingua galega, o noso principal sinal de identidade. Era un elo máis na longa marcha para que algún día se poida vivir plenamente en galego na Terra onde o idioma naceu e agromou.

 

        A Cerna de PL acordara que, se na presentación había dúas ou máis persoas, unha delas fose a organizadora e introdutora, e que o acto comezase con estas palabras:

 

    Agostiño de Hipona deu a definición de mentira máis aceptada e da que se foron tirando todas as que seguiron. Dixo: “mentira é dicir algo distinto do que se está a pensar co ánimo de enganar”.

    E xustamente diso trata o libro que imos presentar hoxe, 55 mentiras sobre a lingua galega. Análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma, libro que ProLingua quere ofrecer aos galegos e galegas e a todos cantos se solidarizan e os apoian na defensa da lingua propia de Galicia, co desexo de facer do ánimo de enganar dos negacionistas un ánimo de poñer a luz da verdade a alumar sobre dos prexuízos que atan a tantos e a tantas posíbeis falantes.

    A honra da verdade é o que nos dá a forza coa que estamos a loitar polos dereitos dos galegos e galegas que desexan e esperan mil primaveras máis para a lingua galega.

    Agradecemos a vosa presenza neste acto que é simultáneo con outros 50 en Galicia, pero tamén en Ponferrada, Madrid, Barcelona, Trintxerpe (Guipúscoa), Vitoria/Gasteiz, e no intre de estarmos a comezar esta presentación, xa se celebraron, neste mesmo día, as de Copenhaguen, Londres, Bruxelas, Tübingen, París, Bos Aires, Nova York, Cork, Nablús, Btehelem, Lisboa ou Saraievo. E con isto damos comezo ao noso acto aquí, en ...

 

        O impacto do libro das 55 mentiras viuse nos meses e anos seguintes, cando en moitos centros de ensino de Galicia foi recomendado, lido e debatido nas aulas por centos de profesores e milleiros de alumnos. E na sociedade en xeral o ensaio tivo unha ampla repercusión, pois era unha ferramenta práctica para rebater as mentiras que difundían os negacionistas e os seus altofalantes mediáticos. Cónstame que, ademais da xente do ensino, o libro tamén o leron xornalistas, taxistas, costureiras, comerciantes, deportistas... e que foi moi vendido en librarías, mesmo nalgunha gran superficie comercial. Coido -e en PL podemos dicilo  con fachenda-, que o libro das 55 mentiras cumpriron a misión social para o que fora creado: armar o pobo de razóns incontestables contra a mentira e a manipulación lingüísticas.

 

  1. Dúas campañas: PXNLG (2014) e Por min o galego terá mil primaveras máis (2015)

 

        Desde ese inesquecible serán de febreiro do 2010, PL continuou a súa singradura, sempre con Rosa Parks como mascarón de proa, pois nunca deixou de intervir cando se produciu calquera ataque contra o galego, fose cal fose a procedencia. O feito de autofinanciarse, primeiro con bonos e logo coa cota dos seus membros, permitiulle exercer sempre como plataforma apartidaria e plural (nunca apolítica), tal como fora creada.

       

        O voluntarismo dos seus membros (e ás veces de xente amiga) permitiu redactar un bo quiñón de manifestos (e de voces), todos pendurados na súa web, e executar accións que nunca tiveron o impacto da multipresentacion das 55 mentiras, onde o listón se puxera tocando case o ceo; con todo, quero salientar dúas accións moi diferentes en que PL, de novo, logrou involucrar moita xente a prol do galego.

 

        Cando en setembro do 2014 se cumprían dez anos da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), ese magnífico texto que a actual Xunta de Galicia denomina “ocorrencia”, entre o 20 e o 23 dese mes, a iniciativa de PL publicáronse moitas reflexións sobre o Plan na prensa impresa e na dixital e tamén en blogs. Eran da autoría de membros e de simpatizantes da plataforma que querían lembrar que o PXNLG existía, que había dez anos que se aprobara por unanimidade no Parlamento de Galicia e que non se estaba aplicando. O ramo a esa acción foi o texto “O necesario consenso arredor do idioma”, asinado por 48 membros de PL, que se publicou o 30 de setembro no xornal La Voz de Galicia na sección de Tribuna[7].

 

        De máis impacto popular foi a campaña de vídeos Por min o galego terá mil primaveras máis (ou ben Por nós o galego terá mil primaveras máis, de ser en grupo), que se realizou en abril e maio do 2015, con participación de centos de persoas. Era unha campaña de dinamización lingüística para lle dar visibilidade ó compromiso individual co idioma e, á vez, conmemorar os 30 anos do discurso de Cunqueiro en que pronunciou as areladas mil primaveras para o galego.

 

        O obxectivo da campaña era montar un novo vídeo con todas as gravacións para, deste xeito, simbolizar o paso do compromiso individual ó colectivo. Recibiuse tanto material que se acordou agrupalo en tres vídeos, dos que en novembro do 2015 se editou o 1º, e isto mercé o inmenso voluntarismo de Malores Villanueva: http://prolingua.gal/audiovisual.

 

        ProLingua non foi quen a publicar o outro material achegado, e sentino ben por tanta xente que participou, de distintas xeracións e profesións; con todo, houbo persoas que penduraron na rede as gravacións que fixeron para esa campaña, como este vídeo tan florido de galegos de Barcelona: https://www.youtube.com/watch?v=Gurd4s-BE2Y

 

        Nestes dez anos PL navegou moitas veces de empopada (e co vento de través, que permite navegar máis seguro); pero na súa singradura tamén tivo o vento de proa, polo que houbo que bolinar (ou voltaghear), ás veces duramente para non ir contra os cons, como lle ocorreu unha noite de leste duro e mar bravo á dorna polbeira do fermoso poema “Mariñeira” de Ramón Cabanillas.

     

        Con este texto quero lembrar a xenerosidade das 200 persoas que organizaron e interviñeron nos actos da multipresentación das 55 mentiras e a non menos xenerosidade do grupo de traballo que as redactou. Tamén quero lembrar con agarimo o amigo Xabier P. Docampo -o Gran Chairego que me embarcou na súa utopía prolingüeira-, e os amigos María Xosé Rodríguez Valcárcel e Agustín Fernández Paz, polo seu exemplo insubornable de defensa rexa e coherente do noso idioma.

 

        E la nave va!

 

Fefiñáns, na rebeira da Ría da Arousa

3 febreiro 2020, co mar en calma borrada

 



[1] Esa reunión “fundacional” do que sería ProLingua celebrouse na biblioteca do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

 

[3] O pdf do libro pode descargarse  en http://www.prolingua.gal/uploads/media_items/55-mentiras-ibd.original.pdf. No seu día pendurouse na rede un argumentario de 20 mentiras, resumo do libro das 55 mentiras; cf. http://www.prolingua.gal/55-mentiras

 

[4] O colofón di: “Este libro acabouse de imprimir o 17 de novembro de 2009, XCI aniversario da primeira asemblea das Irmandades da Fala celebrada no hotel Méndez Núñez de Lugo o 17 de novembro de 1918.”

 

[5] Na rede poden verse vídeos das presentacións do Barco de Valdeorras, Cacheiras (Teo), Cambados, Melide, Salceda de Caselas... e das de Barcelona, Buenos Aires ou Londres, así como unha ampla reportaxe fotográfica dos actos de Cambados e Monforte.

 

[6] O 31 de xaneiro do 2010 xa estaban confirmadas 63 presentacións, como se pode ver na ligazón http://carballopequeno.blogspot.com/2010/01/55-mentiras-sobre-lingua-galega.html, onde figura  a relación de cidades e vilas co local onde se ía celebrar o acto e coas persoas das mesas, un total de 169. Tendo en conta que nesa relación en Cuntis só figuran dúas persoas cando participaron dúas máis (Maka Arca e Silvia Fernández), e posiblemente houbo máis participantes nalgún outros sitio; que no acto de Ribadavia aínda non figuraban as persoas da mesa e que o día 5 de febreiro os actos foron 69 (e non os 63 do 31 de xaneiro) o número final da xente das mesas debeu achegarse a 200.

 

[7] Pode consultarse na ligazón http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2014/09/30/necesario-consenso-arredor-do-galego/0003_201409G30P169910.htm. Ademais, PL acordara publicar unha monografía cunha análise divulgativa dos contidos do PXNLG e, á vez, cun estudo do seu ben escaso cumprimento. Algúns posibles capítulos redactáronse e mesmo se discutiron na rolda da asociación, mentres outros non pasaron de ser simples bosquexos que non chegaron a debaterse nunca.

 

 

55 mentiras sobre a lingua galega

55 mentiras sobre a lingua galega

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior