USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Unha Historia de España nesgada e ideoloxizada

cantar de mio cid galipedia

Por Xosé María Lema Suárez.

 

O 6.01.21 viña en La Voz de Galicia (LVG) unha entrevista co historiador Juan Eslava Galán, debido a este xornal ía entregar co exemplar en papel do domingo 10.01 o primeiro tomo da súa Historia de España contada para escépticos[1].

Eu escribira hai case un ano, o 20.02.20, un artigo no que precisamente cuestionaba certos aspectos deste libro (na súa edición de 2016) pola súa nesgada e ideoloxizada visión da historia, sobre todo da medieval, na que ocultaba ou ignoraba por completo a existencia do reino de Galicia, entre outros erros de vulto. O meu artigo levaba por título «Galicia (que nunca había sido reino). A inmutable falsidade de certa historiografía española, aínda agora», e publicárase na sección “Voces” de ProLingua (http://www.prolingua.gal/voces/galicia-que-nunca-habia-sido-reino). Pódese reler, pois subscribo todo o que alí escribín.

A historia de España que este autor nos presenta como auténtica non é outra que a centralista xestada no século XIX e gravada como dogma de fe na ditadura franquista. É a da liña recta con orelleiras ós lados -para que non haxa desviacións- que vai do reino visigodo ó de Castela e, finalmente, ó de España; fóra disto todo é espurio e antiespañol.

Non é difícil adiviñar de que pé coxea o historiador, máxime cando, na citada entrevista, esbardalla contra medidas lexislativas do goberno español actual, todas elas desastrosas, casualmente as que coinciden coas progresistas ou descentralizadoras (a lei Celaá xa é “el desastre de todos los desastres”).

Pero o summum é cando, tras criticar a manipulación da historia por parte dos nacionalistas periféricos -que tamén a hai, sen dúbida-, resulta que para el o personaxe histórico positivo da de España é “el Cid, que representa los valores españoles de heroísmo, esfuerzo, fidelidad, valor. Es un héroe nacional”.  

Un heroe nacional idealizado e irreal

Valería a escolla se non fose que ese modelo de “heroísmo, esforzo, fidelidade e valor” non é o do personaxe histórico -Rodrigo Díaz de Vivar, que viviu no séc. XI- senón o do idealizado e mitificado no Cantar de mio Cid, escrito por un xograr anónimo do séc. XIII, máis de cen anos -douscentos para algúns- despois da existencia real de Rodrigo Díaz, que, segundo o que se coñece del, era máis ben un cabaleiro de fortuna ó servizo de quen mellor lle pagase. Hai uns días escribiu sobre o Cid real o historiador Lourenzo Fernández Prieto en LVG.

É, polo tanto, imperdoable que un historiador (?) que tan crítico se mostra contra as supostas manipulacións doutros colegas intente facer pasar por histórica a versión ficticia e totalmente idealizada polo xograr que escribiu o cantar (Per Abbat?) un século ou dous despois, cos “retoques” finais do lingüista Menéndez Pidal a principios do séc. XX.

E para completar a obra, o noso historiador cae no anacronismo de atribuírlle a este “héroe nacional” (de que nación?) valores “españois”, cando á altura do séc. XI España non existía como entidade política. Rodrigo Díaz era un “castellano de Castilla” que estaba ó servizo do seu rei Sancho II e, en consecuencia, foi con el facerlle a guerra, primeiro a don García de Galicia -participou na batalla de Santarém (1071), onde o noso rei García foi feito prisioneiro- e despois a  Afonso VI de León. Serían galegos e leoneses “antiespañois” sen sabelo? En fin: se esa é a historia que nos propón o Sr. Eslava como veraz pouco avanzamos; semella máis ben unha obra historiada de mediados do séc. XIX na que aínda se admitían como verdadeiras antigas lendas pseudohistóricas e rancios cronicóns sen base documental. Unha historia na que se oculta ou ignora por completo o ben veces documentado reino medieval de Galicia. Pero claro, ese  desviárase da liña recta oficial e, polo tanto, non podería nunca "haber sido reino”.

 

cantar de mio cid galipedia

cantar de mio cid galipedia

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior