USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Cospecho, ese síntoma

cospecho 1

Por Xabier Cordal

 

Traballo desde hai vinte anos na comarca natural da que forma parte o concello de Cospeito, entre outros. Na nosa modestia tratamos de contribuír á restauración da toponimia, aínda que boa parte das agresións que o franquismo tentou converter en norma fracasaron, e moito nos temos rido na aula cos Justás, Beján, Puente de Otero, Tierra Llana e outras pailanadas de groso calibre. Cando a rexouba sobe de ton o alumnado contribúe inventando españoladas desas tan divertidas (se non doesen). Unha que lles semella moito disparate e case sempre acaba por aparecer é Cospecho.

Pois ben, Cospecho atravesou o espello da parodia. Fíxoo ingresar no mundo unha empresa de telefonía –Vodafone– que vén de enviar factura a ese enderezo (poden vela aquí, no web de ProLingua). A persoa afectada remítenola, moi asisadamente, para denunciar a barbarie. Unha anécdota? Desde logo. Pero tamén un síntoma de algo con bastante máis alcance ca o anecdotario sobre topónimos, xénero clásico onde os haxa entre as conversas de bar. Ese Cospecho que non daría inventado programa informático ningún, por estúpido que fose, merecería esquecemento de non mediar unha actitude que comparten practicamente todas as operadoras de telefonía no noso país.

Porque Cospecho é tentar explicar un problema trivial no servizo de atención ao cliente e topar de fuciños cunha voz –ás veces– amable que pide –ou non– desculpas por non entender, e pregunta se podemos mudar o idioma. Cospecho é, cando a voz non soa tan amable, perder o noso tempo reproducindo as leis en formato case textual: “a disposición adicional 6ª da Lei 1/2010 establece que toda empresa que opere aquí deberá ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manter a comunicación oral e escrita nos dous idiomas oficiais da comunidade.Cospecho é que o comunicante se poña farruco e malia escoitar (e comprender) a orde legal sufra ataques de anticonstitucionalismo que xamais perseguirá a Fiscalía e nos acuse de falar raro coa finalidade de complicarlle a existencia.

Cospecho significa, en fin, moito máis ca burla ou falta de respecto. Perdémonos algunha vez, na defensa do idioma, con maximalismos e reivindicacións tan xenéricas como ineficaces. Pero cando usuarios e usuarias galegas (non só galegofalantes!) de Vodafone, ou Movistar, a compañía que sexa, deamos xuntado miles e miles de denuncias personalizadas nas redes sociais non só protexeremos un dereito; tamén garantiremos os postos de traballo desas operadoras e operadores capacitados para nos atender. Non esperemos nin medio minuto.

 

cospecho 1

cospecho 1

cospecho 2

cospecho 2

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior