USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Carta aberta á Asociación veciñal, cultural e deportiva O Cancelón

Estimados/as membros da Asociación veciñal, cultural e deportiva O Cancelón e da Comisión organizadora das Festas do Monte, da Guarda:

O pasado día 21 de xuño presentouse a programación de actividades das Festas do Monte 2014, que se celebrarán entre os días 2 e 11 de agosto na Guarda. Como xa ocorreu o ano pasado, o que deu lugar a abondas protestas, a programación destas festas faise case exclusivamente en castelán, coa lingua propia de Galicia relegada á edición dixital vía facebook; é dicir, a edición impresa, a máis manexable e a que chega á maioría da poboación da Guarda e dos concellos da redonda, non se fará en galego. Ademais, na edición en castelán non se respecta a denominación do auditorio da vila, que é “San Bieito” e non “San Benito” e, en ambas as versións do programa, detúrpase a toponimia, como ocorre co barrio de “San Cayetano” (sic) ou con “Vila Nova de Arosa” (sic), no canto das formas San Caetano e Vilanova de Arousa, que son as únicas legais consonte o artigo 10.1 da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, que establece que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”.

A comisión organizadora xustificaba na prensa de 2013 (daquela a edición en galego da programación fora excluída totalmente por primeira vez) o feito de editar o programa das festas só en castelán alegando que desta maneira “entenderían os de fóra”. En ProLingua, plataforma apartidaria que traballa a prol da defensa e promoción do idioma galego, consideramos que respectar o noso, neste caso a lingua propia de Galicia, non significa desprezar nin ofender as persoas de fóra que honran a nosa terra -as nosas vilas e as nosas festas- coa súa visita e que, xeralmente, carecen de prexuízos contra o noso idioma, eses que por desgraza aínda manteñen moitos galegos e galegas.

Da mesma maneira, pensar que alguén alleo á lingua e á cultura galegas se poida incomodar por entrar en contacto co noso idioma en Galicia, ou mesmo aventurar que non desexan ese contacto, significa, ao noso ver, non só subestimar as capacidades de quen nos visita, senón tamén menosprezar a nosa lingua e o valor engadido de singularidade que ofrece no ámbito das festas populares do noso país. Todas as festas de Galicia son moito máis ca música e comida. E o idioma é unha adealla de excelencia.

En ProLingua consideramos que o noso idioma non debe quedar relegado a un lugar testemuñal ou anecdótico e arelamos que nunca máis sexa tratado como estranxeiro na súa patria pola organización da popular Festa do Monte. Así mesmo, esixímoslles que cumpran a legalidade vixente no relativo ao uso correcto da toponimia e corrixan as deturpacións do programa nas súas dúas versións, agora que aínda hai tempo, pois queda máis dun mes para a súa celebración.

ProLingua, 25 de xuño do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior