USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

Carta aberta a Pablo Saavedra

D. Pablo Saavedra Inaraja

Ministerio de Agricultura

Praza San Juan de la Cruz s/n

28071 Madrid

buzon-dgc@magrama.es

O pasado 18 de xuño tivo lugar en Panxón unha rolda de prensa para dar a coñecer o proxecto de obras que se levarán a cabo no litoral galego. Ata alí desprazouse vostede como Director Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, cargo do Ministerio de Agricultura. Ante os alí presentes despregou un mapa onde toda a toponimia galega aparecía deturpada, como se pode ler na nova asinada por Mónica López Torres no xornal La Voz de Galicia.

Ante a estupefacción dos alí presentes, vostedes alegaron que se trataba dun mapa antigo, que lonxe de ser unha escusa é unha mostra máis da falta de respecto das institucións do estado a Galicia, pois non é a primeira vez que un ministerio violenta sen escrúpulo ningún a toponimia galega. Formas como Cotobad, Villanueva de Arosa, Bayona, Puenteareas, Puente Caldelas, Sangenjo, Oya, Panjón... eran as impresas nese mapa que, de ser antigo, debía corresponder a unha época onde non estaba oficializada esa toponimia. As falsas traducións e deformacións aberrantes son propias do franquismo e de etapas anteriores.

Hai 26 anos xa que no Congreso dos Deputados se aprobou a lei 2/1988 de 3 de marzo (BOE de 4 de marzo) que legalizou o cambio de denominación de dúas provincias galegas, Ourense e A Coruña; e previamente a Lei de Normalización Lingüística de Galicia, por unanimidade aprobada no noso Parlamento o 15 de xuño de 1983,  estipulaba no artigo 10.1 que “os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. Non nos vale pois a falsa desculpa de ser un mapa antigo, pois hai unha legalidade que debe ser cumprida e hoxe temos restaurada e oficializada a nosa toponimia.

Dende ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do idioma galego, queremos que se cumpra a legalidade lingüística para evitar caer en esperpentos públicos coma o do mércores. En Galicia os nosos lugares teñen un nome, un só, e é en galego, polo que pedimos que o respecten e que cumpran a legalidade vixente.

Fotografía: Mónica López/ La Voz de Galicia

ProLingua, 20 de xuño do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior