USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

“Adeus a Langaño” ou “A historia dun engano”...

Praia Langaño

Por Valentina Formoso

 

Langaño daba nome (e aínda dá, pero cada vez menos) á enseada na que desemboca o río Tins,na ría de Noia, e mais á punta de terreo onde leva anos instalada a fábrica de madeira nunha das súas marxes, á que sempre se denominou “Fábrica de Langaño” ou de “Lancaño”.

 

Nunha zona onde hai gheada pero non sempre despois de nasal, dise mangueira, domingo e Langaño sen gheada, mais tamén quedan falantes -de certa idade- que din dominco, manqueira e Lancaño. Así Langaño e Lancaño alternan en cartas náuticas e en mapas catastrais, pero hai anos eu vira escrito, na versión en papel do Mapa Topográfico Nacional[1] escala 1:25.000,“Ensenada del Engaño” para referirse ao noso Langaño que, segundo os especialistas, ten orixe prerromana[2]. Deume a risa a adaptación de Langaño a “El Engaño” e sumeina como anécdota ao conxunto de barbaridades que se lle aplicaron á nosa toponimia, unha máis ao lado de castelanizacións como “El niño de la guía” no canto de Niñodaguia (Baltar, Ourense) ou hipercorreccións como “Neno do Corvo” por O Niño do Corvo, nome dun monte no concello veciño de Muros.

 

Cando o progreso asociado á construción civil chegou á ría de Noia ea Enseada de Langaño tivo o seu momento histórico, ao ser atravesada por unha ponte que atalla a estrada de Santiago cara a Muros, aquela anécdota converteuse -para min- en pesadelo. A finais de 2010 colocaron uns grandes letreiros a cada lado da ponte onde se lía (e se le) “Ponte do Engano”. A sorpresa de todo o vecindario foi maiúscula e ninguén entendía a razón de tal nome poético alí na ponte de Langaño. Eu acordeime do devandito mapa, onde podemos atopar todo tipo de deturpacións dos nosos nomes de lugar e supuxen que este documento sería a fonte  da que partiu a denominación “enganosa” (Langaño>El Engaño> O Engano). Tanto é así que procurando na versión dixital do mesmo, que se pode consultar a través do SIXPAC, aparece Lancaño a carón de Punta do Engano, isto é, o topónimo tradicional e verdadeiro a carón do inventado.

 

 

Dado que era un tema no que me sentín implicada lingüística e emocionalmente, puxen en alerta a todo canto organismo considerei competente, pensando que -ao saberen do disparate- alguén viría retirar o cartaz e poñer outro no sitio que lle devolvese o nome á Ponte de Langaño. Mais despois de sete anos e pico todo segue igual. Unicamente a Deputación da Coruña atendeu a nosa queixa o ano pasado, mais non ten competencias nesa estrada e, polo tanto, tampouco no rótulo.

 

Nada conseguiron tampouco os membros da Asociación A Devesa (da bisbarra Outes-Noia), cos escritos que enviaron, no ano 2013, dirixidos ao alcalde de Outes e ao Conselleiro de Infraestruturas, empregando o seguinte argumento de autoridade: "a referencia coñecida de máis antigüidade atopámola no Tombo de Toxosoutos, no que nun documento de 1277 xa se fai mención a este lugar de Outes chamándoo Lanquaino, nome que, segundo o Instituto da Lingua da USC, e tal como aparece no seu Índice de Topografía Galega Medieval[3], derivou primeiro en Lancaino e máis tarde en Langaño.

 

Estando así as cousas, supoño que nos podemos ir despedindo dun topónimo noso para deixar paso, ben a un castelanismo adaptado á fonética da zona e á palabra de uso común alí: “enghaño”; ben á forma estándar sen gheada (ou ás veces con ela) “engano / enghano”. Engano é o nome que xa adoptou toda a xente de fóra e tamén é o que figura xa nalgunha publicación actual que aparece pola rede e que fala da “Enseada do Engano”... Se ata comezaron a circular unhas lendas, que non deben ter máis de tres ou catros anos de vida, con historias de enganos de barcos unhas e de enganos amorosos outras... moi simpáticas, pero que nada teñen que ver con aquel lugar. É dicir, a partir dun topónimo inventado, crearon unha lenda... un éxito no que non sei se pensaran os do mapa 1:25.000 cando comezaron con esta bóla de neve.

 

Ao final a enseada, a punta e a ponte son cada vez máis do “engano” e menos de Langaño. Así que a ver se conseguen manter “Langaño” na praíña ao lado de Portosín (na mesma ría), mais calquera día aparece outro “engaño”-“engano” e alá vai, para sempre, co peso eterno de todos os adeuses!

 

Se unha mentira repetida moitas veces pode converterse en verdade, dígovos que se está nun letreiro o efecto é rápido e parece que irreversible. Pero tampouco hai que dramatizar! Topónimo arriba ou abaixo, falante máis ou menos...

 

Agradecemento

 

Quero agradecerlle a Vicente Feijoo Ares a colaboración prestada a través de todas as achegas documentais.

 

Langaño no Catastro

 

Langaño no Inventario da Galicia Medieval (ITGM)

 

 


[1]Mapas do Instituto Xeográfico Nacional (IXN)

[2]Seguindo a Edelmiro Bascuas (2014:146) parece que estamos ante un hidrónimo prerromano, no que podemos identificar unha protoforma *lonk- que se atopa noutros topónimos coma Láncara, Langreo, Langobriga... da cal proceden numerosos apelativos balto-eslavos (coma o lit. Lankà ‘valiño’, let. Lanka ‘prado húmido’...)

Posiblemente o noso Langaño teña o significado de ‘zona pantanosa’ pola marisma que hai nesta enseada.

Na terminación en –año atopamos o sufixo celta *-wo- > -anio, presente noutros topónimos prerromanos como Riaño, Laraño, Teaño...

[3]onde se di: dessi como uay ferir et enfiar a dereytoaaameyxeeyra que esta sobrelapereyra alua que esta cabo do kaminno que uay da uilla para Lanquainoetdesende como uay ferir et enfiar perLumiero a dereyto ao kanto. (DTT 62: 113)

 

Praia Langaño

Praia Langaño

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior