USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A volta da toponimia franquista

Estes días en que Galicia é centro de atención dos informativos de todo o Estado polos fortes temporais e polas nevaradas, asistimos estupefactos a un retroceso irrespectuoso no tratamento dos nosos topónimos.

Medios de comunicación radicados en Madrid (e particularmente algunha televisión de ámbito estatal) violentan sen escrúpulo ningún a toponimia galega ao empregaren formas castelanizadas propias doutras épocas, que pensabamos xa superadas, como La Guardia (referida á vila máis suroccidental do litoral galego, e non á localidade alavesa), El Cebrero, La Coruña, Oya etc., que volven desfilar con profusión ecoados pola poderosa prensa madrileña.

Xa hai 16 anos que no Congreso dos Deputados se aprobou a lei 2/1988 de 3 de marzo (BOE de 4 de marzo) que legalizou o cambio de denominación de dúas provincias galegas, Ourense e A Coruña; e previamente o Parlamento de Galicia, en sesión de 15 de xuño de 1983, aprobara por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística, que estipulaba no seu artigo 10.1 que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Non nos vale a falsa desculpa dos exónimos coa toponimia que foi deturpada torpemente durante séculos e que hoxe foi felizmente restaurada e oficializada.

As leis son claras e están para ser cumpridas; ademais, usando os topónimos galegos na súa forma natural evitamos confusións con denominacións semellantes noutros puntos do Estado e respectamos a identidade e a personalidade de Galicia. Volver a empregar as falsas traducións e deformacións aberrantes doutros réximes retrotráenos á máis resesa ignorancia lingüística, e queremos dubidar de que sexa aí a onde nos queren trasladar a maioría dos medios de comunicación de Madrid.

Desde ProLingua, plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción do idioma galego, queremos pedirlles a eses medios respecto a Galicia e á legalidade lingüística; e aos nosos gobernantes, aos partidos políticos e á RAG e a outras institucións que teñen a obriga de defenderen o idioma galego que se manifesten con firmeza nos foros que corresponda para evitarmos as sangenjadas variadas que algúns parece que están moi interesados en reintroducir.

ProLingua, 7 de febreiro do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior