USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A regresión do galego da Feira do Moble da Estrada

Chegounos a ProLingua a información de que para indicar o lugar no que se celebra a Feira do Moble na vila da Estrada vénse colocando desde hai uns anos un cartel na N-640 co lema Feria del Mueble. Tendo en conta a proximidade da celebración da edición deste ano queremos ser voz de denuncia deste agravio contra a lingua da nosa terra.

 

Aínda máis nos alarmou que a entidade organizadora da Feira, a Fundación de Exposición e Congresos da Estrada, decidise este ano dar un paso máis nesta política antigalega ao comezar a difundir carteis e manuais que anuncian a celebración da Feira en castelán, cando esta divulgación viña facéndose con toda normalidade en galego nas anteriores celebracións do evento. Que foi o que sucedeu para que se producise esta involución? Pensamos que deben darse explicacións deste cambio de actitude. As explicacións deberían estenderse ao Dossier promocional, tamén exclusivamente en castelán, que contén a agravante da denominación da vila cos ilegais topónimos de *La Estrada ou *Villagarcía de Arosa. Isto último resulta aínda máis insultante de termos en conta que o 72% das empresas que participan na Feira son galegas.

 

Por se todo o relatado non fose xa suficiente, un dos momentos culminantes da Feira do Moble é o da entrega do Premio Xornalístico “Manuel Reimóndez Portela”, un galardón con tradición e vocación normalizadora ao que só se poden presentar artigos publicados en galego. En ProLingua consideramos que non debería darse o caso contraditorio de que a mesma institución que desde hai 20 anos concede este premio mostre unha actitude, xa non de desleixo, senón incluso agresiva, en contra da potenciación e uso do galego.

 

Necesitamos explicacións claras e detalladas das razóns que levaron á Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada a iniciar unha etapa de enfrontamento coa lingua. Solicitamos que interrompan a difusión da cartelería e o resto da documentación (o referido dossier, os contratos...) e a substitúan por outra que non atente contra a dignidade dun pobo que sustenta os fondos cos que se nutre a Fundación. Finalmente, agardamos desta mesma entidade e daquelas que a sosteñen (Concello da Estrada, Asociación Comarcal de Empresarios, Consellería de Economía e Industria, Cámara de Comercio de Vilagarcía e Deputación de Pontevedra) unha maior sensibilidade e respecto coa lingua de noso.

 

ProLingua, 24 de agosto do 2015

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior