USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A RARA POR NATUREZA

os zoquiños de maría

 Por María Canosa.

 

Son “a rara”. Si, ese espécime estraño e en vías de extinción (isto último, por desgraza, vai sen ironía) que fala galego. Venme chegar de lonxe e xa me cheiran, míranme agardando que fale, porque darei os bos días ou as boas tardes en galego. 

E de aí, pensarán que se vou a unha festa só saberei bailar se me poñen unha muiñeira.

Xa bo é que non usa zocos! –léolles na mente-. Ai non. Que ten un traxe de cando facía baile tradicional que reconverteu en minisaia e úsaa con zapatos de tacón.

É moi rara!!! Xa volo avisei! Moito galego, si, pero no dos zapatos... como os das demais.

Son tan rara que ás veces ando lendo nos libros. Incluso nos de poesía! E daquela, de rara paso a mística. Poesía! Manda carallo! Por se fose pouco... en galego.

Non só iso. É que ata me atrevo a escribir na mesma lingua. Escribe “gallego”, esa sección estraña que non é nin novela, nin ficción, nin... nin poesía sequera! É galego, no mellor dos casos. Ou “gallego”. Cousa rara! Se paseamos por librarías, e incluso bibliotecas, podemos dar con esta clasificación: novela histórica, romántica... galego. Ei, coidado. Isto que xénero é? Se clasificamos así os libros... que etiquetas me poñerán a min? Mística? Non: extravagante.

Podo chegar a excéntrica. E fágoo. Porque... educo a filla en galego, aínda que esta responda en castelán, influenciada polos estímulos externos a esa burbulla que é a súa casa. A casa. A CASA.

Ollo! Serei excéntrica, pero non intransixente. Non pido que ela me responda tamén na lingua que empregamos desde sempre. Entendémonos e deixamos fluír a conversa. Simplemente non traduzo o que sinto, coa intención de amosarlle de maneira máis directa os meus sentimentos.

Non me pregunta por que (lle) falo en galego. Moitos adultos do arredor si o fan. E fálaslle a ela en galego? –sorpréndense-. E logo non cho falo a ti?

Que extravagancia esta de ser absolutamente natural. Teño cada cousa... Falarlle á cativa (e educala) no mesmo idioma que lles falo aos demais. É que... son moi revirada. Un caso estraño. Tan estraño que ata eu mesma me dou a volta cando escoito algún descoñecido falando galego. Míroo. E instintivamente penso se será filólogo, escritor ou militante dun partido nacionalista.

Aínda menos mal. Hai quen pensaría que, amais diso, igual é que é da aldea. Ai, o lugar de onde vimos, reduto máxico de onde traemos os ovos, os grelos, as patacas e, se podemos, ata as mazás. E o acento.

Se é que xa llelo dixen ao principio. Son moi rara, son galega. Por iso me gustan extravagancias como as nécoras, os percebes do Roncudo, as filloas e as orellas polo Entroido, e o cocido con cachucha e chourizo. Que me dicides do viño albariño, ou o queixo do país? As patacas de Coristanco, as fabas de Lourenzá? O pan de Cea...

Se cadra ata falo con emoción da Catedral de Santiago, da Fervenza do Ézaro, das Illas Cíes ou das de Ons... da Serra da Capelada!, das Burgas, das Rías Baixas, dos Canóns do Sil, da beleza da Costa da Morte...

Porque todo isto é ser galego. Todo isto fala galego.

Son ben rara! Rara de “carallo”, que debe ser a palabra máis normalizada do noso idioma. E entendémola todos!

Ollo! No que fallo é en que nunca vin unha meiga, nin topei coa Santa Compaña. Pero... se fai falla tirar delas para escorrentar a incomprensión cara a estes raros... invéntoo! 

os zoquiños de maría

os zoquiños de maría

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior