USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Voces

A Brigada Galega da Lhéngua mirandesa

a brigada galega da lhéngua mirandesa

Por Xose-Henrique Costas González

 

 

A solidariedade é a tenrura dos pobos

 

1.- Os meus primeiros contactos co mirandés

 

 En setembro de 1993 visitei por primeira vez Miranda dL Douro, a capital da Tierra de Miranda, no distrito trasmontano de Bergáncia/Bragança, onde unhas 6.000 persoas continúan a falar unha variedade senlleira do leonés occidental. Acudira con Paco Fernández Rei e Antón Santamarina ao encontro Variação lingüística no espaço, no tempo e na sociedade, organizado pola Associação Portuguesa de Lingüística (APL), onde se trataron, entre outros, temas sobre o mirandés e se aprobaron suxestións dirixidas á Câmara Municipal de Miranda para visibilizar e contribuir a normalizar o mirandés (i). Neste tempo volvín por alí cinco veces máis, unhas veces por congresos e outras por interese persoal nesa variedade astur-leonesa.

 

En 2015 fun alá cun grupo de alumnos meus da Universidade de Vigo. Fixeramos un roteiro lingüístico polas Portelas de Zamora, Miranda e o Val do Ellas para vermos in situ a situación de minorización das linguas galega e astur-leonesa nestes territorios. Falamos con mestres, alumnos, responsables municipais, activistas, escritores etc. Froito desta visita, a alumna Andrea Castelo Veiga fixera o artigo “Actualidade e vitalidade da lingua mirandesa” (ii) para o anuario Cumieira. Grazas a Manuela Barros Ferreira xa coñecía o rock-rural-radical mirandés de Picä Tumilhu (iii), así que desta vez trouxen algúns discos dos grupos Galandum Galundaina e Las Çarandas -todo un descubrimento, así como un dos mellores poemarios que eu teña lido na miña vida, Ars Vivendi, Ars Morendi, de Fracisco Niebro (pseudónimo de Amadeu Ferreira).

 

En 2016 asistín a un congreso en Aveiro sobre Ecolingüismo e Línguas Minoritárias que era tamén unha homenaxe ao chorado Amadeu Ferreira, activista, tradutor, narrador e poeta mirandés falecido uns meses antes. Naquel congreso tiven oportunidade de trabar amizade con dirixentes da Associaçon de la Lhéngua i la Cultura Mirandesa (ALCM) como Alcides Meirinhos e Alfredo Cameirão. Ninguén alí daba explicado por que, despois de case 20 anos de recoñecemento do mirandés, Portugal aínda era reticente a asinar a Carta Europea das Linguas, o que sen dúbida sería un bo apoio legal para a lenta e difícil normalización do mirandés. Portugal gabábase sempre dunha “2ª Língua oficial” cando non era certo, pois o mirandés apenas tiña un decreto de “reconhecimento oficial” onde o substantivo era o reconhecimento e o adxectivo o de oficial, mais que en ningún caso empregaba a palabra oficialidade por ningures (iv).

 

En maio de 2017 o Consello da Cultura Galega organizou un Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias do estado español ao cal asistiron representantes e especialistas das máis diversas linguas e variedades, desde o tamazig e o asturiano ata o aragonés e o portugués de Olivença, xunto con representantes do Consello de Europa. Alcides Meirinhos presentouse en Santiago para tratar directamente cos responsables europeos sobre a negativa de Portugal a asinar e algo si se foi avanzando, pois a raíz daquelas conversas de Meirinhos chegou a haber en Lisboa algunhas reunións ao máis alto nivel ministerial para trataren deste tema.

 

2.- A nosa colaboración coa Associaçon de la Lhéngua i Cultura Mirandesa (v)

 

Para crearmos, entre a ALCM e os simpatizantes da causa mirandesa, un certo clima de opinión en Portugal co fin de que o seu goberno asinase dunha vez a Carta Europea das Linguas e comezase a dar pasos decididos en favor do mirandés. entre decembro de 2018 e xaneiro de 2019 fixemos circular polas facultades de letras da península ibérica un manifesto titulado Mirandés a cunceilho en defensa da lingua mirandesa e de esixencia da sinatura da Carta Europea por parte de Portugal.

 

Aquel manifesto -asinado por 71 profesores de universidades do estado español e apenas cinco profesores de universidades portuguesas- foi amplamente difundido na prensa escrita do sur do Miño e provocou un certo debate entre as forzas políticas e as autoridades portuguesas. Mais o estado irmán seguiu sen asinar o tratado internacional de defensa da única minoría lingüística que ten dentro das súas fronteiras.

 

No pasado tíñanse feito algúns estudos sociolingüísticos sobre o mirandés. As profesoras Aurelia Merlán (UKoblenz-Landau) e Cristina Martins (UCoimbra) fixeran unhas primeiras aproximacións sobre a situación sociolingüísitca do mirandés haberá uns 20 anos, e non hai tanto, en 2008, a propia Cristina Martins publicara un libro sobre as competencias lingüísticas das crianzas mirandesas e en 2009 Aurelia Merlán publicara un completo estudo na Academia de la Llingua Asturiana. Pero non máis había datos recentes e ningúen podía ofrecer datos demolingüísticos e sociolingüísticos sobre a situación real do mirandés hoxe.

 

De acordo coa ACLM, no outono de 2019 elaboramos para a esta asociación un modelo de enquisa para cubrir no territorio lingüístico mirandés. A enquisa deseñada contiña unha novidade: non só preguntaría polos datos de uso (se a persoa sabe falala, en que contextos a fala, con que persoas, cando a aprendeu, con quen a aprendeu, se a escribe etc.) e actitudes (identidade, utilidade, identificación, impresionismos, valoración social etc.), senón que ademais, e como novidade, tamén preguntaría sobre coñecementos. Non valía só que unha persoa dixese que sabía falar mirandés, que se sentía moi mirandesa e quería moito a lingua, non, alén diso había que o comprobar preguntándolle por unha serie de palabras cotiás e frases comúns en mirandés (vi)

 

 

3.- O nacemento e primeira actuación da Brigada Galega de la Lhéngua

 

En decembro de 2019 a ALCM pediunos axuda para cubrir o cuestionario nas dezasete freguesías de fala mirandesa dos concellos de Miranda dL Douro e Bumioso porque eles carecían de persoal para o poder facer. Ante esa solicitude de axuda, organizamos e formamos na Universidade de Vigo un grupo de 12 alumnos distribuídos en 6 equipos de traballo para irmos a Miranda a facer ese labor de recollida das enquisas. A ALCM encargaríase da nosa intendencia (aloxamento, mantenza, contactos nas freguesías etc.) e nós levariamos a cabo entre 300 e 350 enquisas nos días 5, 6 e 7 de marzo. Fomos nomeados como a “Brigada de la Lhéngua” e así constaba nas nosas acreditacións oficiais, as mesmas que nos abriron as portas de moitas casas, pois os presidentes de freguesías estaban xa avisados da nosa chegada e dispostos a colaboraren connosco.

 

O mércores 4 de marzo chegamos ao albergue de Berrocal dL Douro, no sueste do concello, na freguesía de Picuote, onde fomos agasallados cunha gorenteira grellada por parte de Alcides Meirinhos. Ao outro día, pola mañá, mentres catro equipos entrevistaban case 100 rapaces de entre 15-18 anos nas escolas de Miranda, outros dous equipos percorrían as rúas e establecementos da vila de Miranda entrevistando veciños. E na tarde dese xoves 5 e nos días seguintes tivemos os seis equipos entrevistando veciños esparexidos por practicamente todas as freguesias e lugares onde se falaba mirandés:  Angueira, San Martino de Angueira, Custantin, Paradela, Speciosa, Zenízio, Bilasseco, Bila-Chana, Palaçuolo, Silba, Fuonte Lhadrones, Picuote, Sendin, Peinha Branca, Pruoba, Granja, Dues Eigreijas, Aldinuoba, Fuonte Aldé, Prado Gaton, Malhadas, Bale de Mira etc., de maneira que conseguimos facer 313 enquisas válidas e completas, grazas en boa medida ao bo facer dos irmáns mirandeses da ALCM, que nos facilitaron contactos en moitas das aldeas e que nos acompañaron en todo momento e, por suposto, ao entusiasmo e ansia por axudar que amosaron os brigadistas da Universidade de Vigo.

 

A ACLM comprometeuse aínda de realizar algunhas enquisas máis en lugares que nos quedaron proporcionalmente pouco representados, sobre todo en freguesías meridionais (en Sendin só demos feito 29 enquisas -cando a previsión eran 50-  en Picuote 3 -cando a previsión eran 15 e en Cércio), para nolas enviar ao longo destes meses e así completar proporcional e territorialmente unha mostraxe que lle foi realizada ao 5% da poboación mirandesa de todas as freguesías e lugares habitados da terra onde se fala mirandés.

 

Para os Brigadistas da Lhéngua foi unha experiencia irrepetible de convivencia, traballo, alegría, descubertas de terras e xentes e moita satisfacción persoal. O profesorado, os presidentes das freguesías e os membros da ACLM, Alcides Meirinhos e Alfredo Cameirão, tiveron connosco un comportamiento excepcional, e estes últimos, como se fosen integrantes da Brigada, mesmo compartillando entrevistas, xantares e ceas de fraternidade. Nosoutros, á parte de aprendermos moito en pouco tempo sobre Miranda i la sue lhéngua, sentimos unha inmensa alegría solidaria por estar axudando os amigos da ACLM. Divertirse traballando e aprender divertíndose foi a máxima desta Brigada Galega solidaria cos falantes da lingua mirandesa.

 

4.- Traballos e loitas pendentes

 

Agora queda o traballo de mesa: cargar os resultados das enquisas no programa informático que deseñaron e nos forneceron os nosos colegas do departamento de Estatística da UVigo e obter os primeiros resultados en bruto para podermos establecer con unha boa aproximación o censo demolingüístico da lingua mirandesa; podermos comprobar se o ensino voluntario de unha ou dúas horas semanais de mirandés desde hai 20 anos dá resultados en usos, actitudes e coñecementos; cruzar os datos por procedencia, orixe, sexo, grao de escolarización, anos de estudo do mirandés, profesión etc., etc. E despois quedará a parte de divulgación destes datos.

 

É de supor que os activistas da ACLM conseguirán que a Câmara de Miranda ou o goberno do distrito de Bergáncia/Bragança edite unha publicación cos datos máis sobranceiros desta sondaxe, tanto para distribuíren entre a poboación como para publicitaren nos medios portugueses e, sobre todo, para alertar a clase política portuguesa sobre o glotocidio por inacción ou inanición que se está a perpetrar contra este patrimonio lingüístico que non só é portugués, nin sequera astur-leonés, que é da humanidade.

 

Xa nos chamara moitísimo a atención o feito de moitos colegas portugueses non quereren asinar o manifesto Mirandés a cunceilho no que se lles demandaba ás autoridades lusas accións e lexislación comprometidas e decididas en favor do mirandés. “Do mirandês que se preocupem os mirandeses, não eu” mesmo chegara a afirmar un relevante lingüista portugués cando se negou a asinar. Desde Galicia nunca sospeitariamos tanta falta de sensibilidade, empatía e solidariedade pero o concepto de um estado-uma nação-uma língua é ainda predominante entre moitos lingüistas portugueses, para quen a consideración do mirandés abala entre un obxecto de estudo folclórico, menor e simpático (e pronto) ou algo totalmente innecesario, anecdótico, prescindible, residual e por tanto esquecible. Os galegos coñecemos en carne propia estes comportamentos. Por iso foi alí a Brigada galega, por solidariedade e fraternidade, porque nada do que lles ocorra ás outras linguas minorizadas nos é alleo. Por iso agora somos para os mirandeses la fuorça que bieno de loinge, porque la sue lhuita tamién ye la nuossa lhuita.

 

 

i Nunca poderei esquecer mentres viva a cea de clausura daquel congreso. Na sobremesa, os tres galegos presentes xunto coa querida amiga, dialectóloga e mirandesóloga entrañable e exemplar, Manuela Barros Ferreira, cantamos emocionados a peito aberto o “Grândola vila morena” ante a estupefacción dos presentes. Daquela (1993), segundo nos dixeron despois algúns dos colegas que non cantaron, esta canción, que nos segue pondo a pel de galiña por todo o que representa e simboliza, estaba identificada co PCP. Pois que estea! Afortunadamente `para todos, hoxe esta canción segue a ser, con outras moitas (Bella Ciao, We shall overcome, Canto a la libertad etc.) unha cántiga universal de fraternidade e liberación (Obrigados sempre, Zeca).

ii webh03.webs.uvigo.es/wp-content/uploads/2015/06/10-ANDREA-CASTELO-VEIGA_Actualidade-e-vitalidade-da-lingua-mirandesa.pdf

iii https://ast.wikipedia.org/wiki/Pic%C3%A4_Tumilho

iv Lei n.º 7/99 de 29 de Janeiro Reconhecimento oficial de direitos linguísticos da comunidade mirandesa [https://dre.pt/pesquisa/-/search/182838/details/maximized]

v Activísima nas redes, véxase por exemplo https://www.facebook.com/lhengua/

vi Sálvase a Xunta de que as enquisas sobre o galego en Galicia non conteñan un bloque de comprobación de coñecementos para contrastar coa declaración do entrevistado.

a brigada galega da lhéngua mirandesa

a brigada galega da lhéngua mirandesa

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior