Maika Makovski, grazas.
Benquerida Maika:
Somos ProLingua, unha asociación apartidaria e plural que busca defender e promover o idioma galego.
Seguramente estarás fóra dos avatares da recente historia social da nosa lingua e do intenso debate que provoca unha situación de minorización forzada por unha política de exterminio contra o idioma propio de Galicia.
Non é este o lugar para dar explicacións, por forza longas e complexas. Abonda dicir, por exemplo, que a día de hoxe a nosa lingua está prohibida en segundo que materias no ensino, non é posible ler un xornal diario en galego ou non hai na televisión autonómica un programa como La hora musa, que permita promocionar a magnífica música que se fai en Galicia, e en galego.
Non é posible, en fin, vivirmos plenamente en galego en Galicia.
O pasado 22 de outubro recibiches Luz Casal en La hora musa e empregaches o noso idioma para darlle a benvida. A cantante nada en Boimorto dixo que non falaba galego nin bable (sic), pero que os entendía. As persoas que falamos galego sempre e que o defendemos, estámosche moi agradecidas por visibilizares o noso idioma nunha televisión estatal, por mostrares con normalidade que a nosa lingua existe e que, a partir dela, o mundo tamén existe.
Moitas grazas e parabéns polo teu programa.
ProLingua, a 31 de outubro do 2019
- Tags:
- Luz Casal Maika Makovski