USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

Unha experiencia positiva: a entrega do XV Premio Manuel Beiras

Desde hai anos a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e o Concello desta cidade convocan o Premio Manuel Beiras para recoñecer o esforzo normalizador de empresas, entidades e persoas comprometidas no uso público da lingua galega no sector empresarial, e asemade lembrar a figura dun histórico comerciante compostelán, incansable loitador na defensa da lingua e da cultura galegas. As entidades oganizadoras do Premio invitaron a ProLingua a formar parte do xurado da edición do 2014, o que moito nos alegrou por ser un recoñecemento do noso labor apartidario en defensa do idioma galego.   

O pasado día 11 tivo lugar a solemne entrega dos premios no Museo das Peregrinacións de Santiago, nun acto presidido polo alcalde compostelán, Agustín Hernández, que estivo acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e mais polo vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, Evaristo Rodríguez Carracedo. Entre os asistentes ao acto estivo Xosé María Lema Suárez, que representou a ProLingua no xurado do devandito premio.

Abriu o acto o vicepresidente da Cámara de Comercio, que centrou o seu breve discurso nos desalentadores datos do Informe IGE 2013 sobre a perda de falantes da lingua propia de Galicia, dicindo que algo está a fallar e que é urxente poñerlle remedio. O alcalde cedeulle a palabra ao secretario de Política Lingüística, por considerar que era el o máis indicado para dar unha resposta. Valentín García admitiu que os datos dese Informe non eran alentadores e que a sociedade galega tiña que reaccionar a prol do idioma; a seguir pasou a falar tamén dos datos positivos, aqueles que hai anos nin soñabamos, como o feito mesmo de que comercios e empresas, algún que outro xulgado –admitiu que eran poucos- se expresase en galego. Non deixou de aproveitar o feito de que a asociación PuntoGal fose un dos premiados, valorando o que isto supoñía para a proxección internacional da lingua. Anunciou, finalmente, que no 2016 se celebrará o centenario da fundación das Irmandades da Fala, aqueles galeguistas que no 1916 deran o paso a usar o galego en todos os ámbitos.

O primeiro premiado, na categoría de empresas cun uso continuado do galego, foi o establecemento Conxelados José Bermúdez, especializado na venda de bacallau en todas as súas preparacións. O seu propietario foi pioneiro na introdución do noso idioma no comercio compostelán hai catro décadas, cando a lingua contaba aínda con menor cobertura que na actualidade, e veu mantendo unha fidelidade exemplar ao idioma desde aqueles anos setenta. Bermúdez, que ademais é un dos dinamizadores do comercio tradicional compostelán, o da Praza de Abastos, fixo un discurso galeguista centrado na súa actividade principal: a venda de bacallau. Dixo que para el era un orgullo vender os produtos do mar de barcos pesqueiros galegos que levaban nomes galegos (citou algúns deses nomes) polos bancos e portos do Atlántico Norte. Cando Bermúdez dicía isto algúns dos presentes seguramente lembraron  o “terrícolo” coruñés de Monte Alto, Xurxo Souto, que no seu recente libro Contos do mar de Irlanda fai un canto aos barcos, patróns e mariñeiros galegos de toda esta parte do Atlántico. A escultura que identifica o premio deixouna o empresario compostelán nas mans dos seus dous fillos adolescentes, en quen ve asegurada a continuidade tanto da empresa coma da lingua.

O premio da categoría de nova incorporación ao galego foi para Promove Consultoría e Formación, empresa centrada no desenvolvemento local que deseña proxectos con base na cultura e na identidade de Galicia. Trátase dunha empresa formada unicamente por mulleres. O xurado considerou a proxección social deste empresa, e que incorporaba o uso do galego a carón doutras causas como a igualdade, polo que as súas intervencións teñen un efecto multiplicador.

A mención especial foi para a Asociación PuntoGal, promotora da candidatura para a consecución deste dominio de primeiro nivel para os contidos galegos, e en galego, na arañeira universal da Rede. O xurado valorou a relevancia de contar cunha identificación na Rede global que fará que Galicia sexa máis visible como comunidade diferenciada, con trazos lingüísticos e culturais propios, o que tamén facilitará a presenza no mundo dos produtos galegos e das nosas empresas.  

Recolleron o premio o presidente da asociación, o académico Manuel González González e a directora xeral Edita de Lorenzo.  Despois de lamentar os últimos datos do recente Informe IGE para o galego, González pasou a falar en positivo e pronunciou un longo e moi didáctico discurso sobre a importancia da Internet como medio de comunicación actual –superior á de calquera dos outros medios (prensa, radio, televisión) pola súa inmediatez- para logo acabar centrándose na importancia capital da consecución do dominio PuntoGal para o noso idioma e para Galicia, pois supón un carné de identidade que nos sitúa no mundo. Mentres o idioma galego, polo número teórico de falantes, ocupa o lugar 160 entre os miles de idiomas do mundo, en troques, na Rede a versión galega da Wikipedia está no posto 47 polo número de entradas e no posto 46 no relativo a consultas. Agardamos ler en breve na páxina web de PL o discurso de Manuel González.

Pechou o acto o alcalde de Santiago de Compostela –a quen puxera o secretario de Política Lingüística como exemplo de integración idiomática, dada a súa condición de non galego-, que enfiou un discurso de amor á lingua galega, aínda que ó final non deixou de pasar o ocasión de criticar aqueles que se queren apropiar da defensa exclusiva do idioma.

Os galardoados recibiron como premio unha escultura de Acisclo Manzano, que poderán amosar nos seus establecementos como unha garantía máis de que respectan a lingua propia de Galicia.

ProLingua, 13 de decembro do 2014

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior