USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

En Valadares, Vigo, estase a elaborar un mapa toponímico e xenealóxico desa parroquia

Trátase dun proxecto financiado a través do plan de emprego municipal, que permitiu contratar tres persoas durante seis meses. "O proxecto xurdiu do problema que existe na localización de predios como produto do abandono progresivo da agricultura", explica Carlos Alonso, do C.V.C. de Valladares.

Moitos herdeiros das leiras, especialmente as situadas nas superficies forestais, descoñecen a localización ou os límites exactos das mesmas, e incluso se existen copropietarios, de aí a importancia deste traballo. O pasado mes de decembro houbo unha reunión cos veciños para explicarlles o proxecto e solicitar a súa colaboración.

O equipo está conformado pola enxeñeira de montes Laura Benedicto Martínez, o historiador Diego Monroy Iglesias e a administrativa Amparo Otero Alonso. "Estamos a levar un traballo en dúas vertentes", explica Laura Benedito. "Por unha banda, estamos investigando en todos os arquivos históricos, especialmente en temas de cartografía; e pola outra, falamos cos veciños que teñen traballado nas leiras para saber como lles chamaban eles aos distintos sitios".

Testemuños e arquivos
Utilizando desde o primeiro catastro, o ordenado realizar polo Marqués de Ensenada, de mediados do século XVIII, ata os medios máis modernos, coma os sistemas Sigpac, o equipo redactor atópase xusto na metade do tempo asignado ao proxecto, seis meses. "Agora estamos no monte, o lugar máis complicado, aínda que a existencia de monte veciñal mellora as cousas", engade a enxeñeira de montes.

Ata o momento xa están localizados e documentados uns cincocentos topónimos, pero seguen saíndo continuamente. "Na cartografía non se debuxan os perímetros das zonas e non é doada a localización exacta", sinala Laura Benedicto, que engade a constante aparición de topónimos sobrepostos, é dicir, que aluden a un mesmo lugar. A microtoponimia galega vese incrementada continuamente en todo o territorio debido á división das leiras tras as herdanzas.

O inxente traballo que se expuxo non poderá ser concluído nos seis meses estipulados inicialmente, pero os integrantes do equipo pretenden que o traballo quede encamiñado para posteriores acometidas.

"Unha vez rematado o traballo, a idea é que o plano toponímico estea colgado na páxina web do centro veciñal; o acceso á árbore xenealóxica será distinto, e haberá que solicitalo na asociación, aínda que estase a facer con datos públicos e non debería xerar ningún problema", sinala Carlos Alonso. Os resultados toponímicos do proxecto quedarán expostos en internet a través da páxina web do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, que terá unha ligazón con Google Earth para mostrar unha perspectiva aérea de cada lugar desta extensa parroquia.

Información tirada de La Voz de Galicia

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior