USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

Chega o "Dicionario xurídico galego" en liña para profesionais das administracións públicas galegas

Os 90.000 empregados públicos da Administración autonómica e os traballadores dos concellos galegos teñen desde hai uns día acceso ao Dicionario xurídico galego en liña. Esta ferramenta, froito da colaboración entre a Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), a Consellería de Cultura e Educación e mais Edicións Xerais, contribuirá á normalización da lingua propia de Galicia no ámbito xurídico-administrativo.

Logo da súa publicación en papel a finais de 2011, cúmprese agora co compromiso de ofrecer unha versión en liña do dicionario, que recolle unha primeira e fundamental escolma de á beira de 2000 entradas nas que se presentan en galego normativo conceptos esenciais do Dereito, información crítica sobre a lexislación vixente en España e, de xeito especial, termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia.

Así o explicaban o pasado venres o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; a directora da Amtega, Mar Pereira; e mais o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado. No acto tamén estiveron presentes o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Un idioma útil nos múltiples e complexos ámbitos da vida moderna

Dicionario xurídico en liña materializa as directrices do Plan Xeral de Normalización Lingüística, nomeadamente aquelas dirixidas a potenciar as tecnoloxías en lingua galega e pór ao alcance dos sectores profesionais os medios formativos, didácticos, técnicos, lingüísticos e terminolóxicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego nas súas actividades profesionais.

Un novo servizo no catálogo de recursos lingüísticos

A directora da Amtega destacou que coa posta en marcha desta ferramenta a Administración autonómica avanza en tres liñas: a contribución do uso correcto do galego no traballo diario dos empregados públicos, a normalización do noso idioma no eido xudicial e a implementación de recursos compartidos entre administracións grazas á tecnoloxía.

Mar Pereira sinalou que o Dicionario xurídico en liña se suma ao catálogo de recursos lingüísticos que a Administración autonómica contribuíu a pór á disposición dos empregados públicos e da cidadanía nos últimos anos, coma o corrector Galgo 2.0, o bUSCatermos, o dicionario Digalego, o Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña ou o acceso á Enciclopedia Galega Universal.

O Dicionario xurídico galego

A publicación do Dicionario foi posible grazas á contribución de máis de 130 profesionais do ámbito da Xustiza –tanto de Galicia coma de fóra comunidade autónoma–, baixo a dirección dos maxistrados Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro. Tamén colaboraron co seu labor de supervisión un equipo de catro lingüistas coordinado por Manuel González, membro da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

A publicación transcende os canons que a lexicografía establece para os chamados dicionarios descritivos temáticos ou profesionais. Polas súas características, constitúe un dicionario de tipoloxía enciclopédica no que, con absoluto rigor científico, e tamén con inmenso coidado, se aborda o complexo universo xurídico galego.

Pódese acceder ao Dicionario xurídico galego en liña aquí.

Información tirada da web da SXPL.

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior