USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

BOICOT DA XUNTA Á LINGUA GALEGA NO DÍA DAS LETRAS

cartel carreira das letras 2017 web

A asociación apartidaria ProLingua denuncia que a Xunta volve actuar con desleixo contra a Lingua Galega ao promover un acto das Letras Galegas no que se proscribe o galego e só se autoriza o castelán.

 

Tense denunciado moitas veces que o 17 de maio é un oasis no deserto. Nesa data os medios de comunicación que esqueceron o galego durante 364 días preséntanse como mecenas dun libriño ou publican (só) a portada na lingua do país. Empresas que non se acordan do galego durante todo o ano, nesa data realizan afervoadas proclamas de galeguismo, para abandonalas o 18.

 

Así e todo, hai persoas e entidades que tratan de vivir todos os días do ano na lingua autóctona procurando gañarlle terreo ao deserto provocado polo eucaliptal do castelán. Mais, pola contra, tamén hai quen prefire realizar actos continuados de vandalismo e dedicarse a lle prender lume á vexetación autóctona do noso idioma.

 

O seu radicalismo desertizador lévaos mesmo a atentar contra a gran festa da lingua galega que é o Día das Letras. Este foi o proceder da Consellería de Cultura e Educación ao apostar por unha "Carreira Camiño das Letras", na que só nos podemos inscribir obrigatoriamente en castelán [http://emesports.es/inscribirse/?race=385]. Se o 17 de maio debía ser unha celebración cargada de actos de amor á lingua, a Xunta responde cun exemplo máis de odio e de desprezo.

 

Con esta actuación as autoridades da Consellería de Educación demostran de novo a súa irresponsabilidade e desleixo ao fronte dunha entidade que debería ser paradigma, tanto no uso da lingua galega coma da súa promoción, e exhiben unha imperdoable falta de coñecemento da realidade sociolingüística.

 

Este novo agravio causa un oprobio de tal magnitude que debería ter como consecuencia inmediata unha restra de demisións fulminantes. Ben sabemos non só non se van producir, pois sería condición imprescindible que os dimisionarios profesasen o mesmo respecto, coidado, responsabilidade e coñecemento da nosa lingua que profesamos os que a amamos, e o máis probable é que os responsables sexan recompensados polo seu celo na exhibición pública do desleixo e desprezo contra a lingua natural e propia de Galicia.

 

ProLingua, a 9 de maio do 2017

cartel carreira das letras 2017 web

cartel carreira das letras 2017 web

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior