USO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies de sesión e analíticas, propias e de terceiros que nos informan sobre os seus hábitos de navegación e vanse utilizar para mellorar a súa experiencia de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Para obter máis información e/ou cambiar a configuración prema aquí.

ACEPTAR
imagen banner

" Non estou aquí pola lingua dos meus pais nin pola miña, estou pola dos meus fillos e dos meus
netos "

Manifestación pola lingua galega en Outubro de 2009 en Compostela

Novas

A “DECLARACIÓN DE CARBALLO”

alcaldesas e alcaldes da declaración de carballo

Eduardo Pondal reloucaría de contento no paraíso dos bardos pola recente “Declaración de Carballo”, pola que os sete concellos da comarca de Bergantiños se comprometen a liderar o proceso de normalización do galego no ámbito local e no eido administrativo e xurídico en concreto; impulsarán os profesionais da xustiza que representen os Concellos a que utilicen o galego e que elaboren no noso idioma propio os documentos dirixidos ás notarías e ós rexistros, e tamén fomentarán o uso no traballo das policías locais.

Felicitamos as corporacións dos sete concellos bergantilñáns, máxime porque os seus rexedores pertencen a partidos distintos, de ideoloxías mesmo opostas. É o xeito máis diáfano e efectivo para demostrar que a lingua é de todos, con independencia da cor política, e que non queda en palabras ocas.

Mentres o concello de Carballo está gobernado polo BNG, os da Laracha, Malpica e Cabana teñen alcalde do PP e os de Ponteceso e Laxe son do PSOE. O de Coristanco está gobernado, tras unha moción de censura, por un exedil do PSOE apoiado polo PP.

Esta exemplar Declaración, da que deberían tomar nota as corporacións doutras comarcas, tivo lugar nun acto organizado pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (presidida por Xoaquín Monteagudo) no que se descubría unha placa conmemorativa en honor á maxistrada Carmen Pose Amado, natural de Valenza (Coristanco), por ser das primeiras en ter ditado sentenzas en galego no Partido Xudicial de Carballo. Vaian para ela tamén os nosos parabéns. Un exemplo para outros maxistrados e maxistradas pois, como ela declarou no acto, “a normalización empeza por unha opción individual. Se se quere fálase e escríbese en galego en calquera ámbito profesional”.

Actos coma este dannos azos para seguir loitando polo noso idioma.

 

ProLingua, 15 de xullo de 2018

alcaldesas e alcaldes da declaración de carballo

alcaldesas e alcaldes da declaración de carballo

ProLingua. Licenza CC-BY-SA 3.0 ou superior